O programa pódese descargar na páxina da Consellería de Educación A colaboración entre os dous organismos xa permitiu adaptar o Windows XP o pasado ano.
06 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Os usuarios informáticos xa dispoñen do paquete de Office 2003 en galego. Presentouse onte e todos os que queiran poden descargar este programa a través do portal educativo da Consellería de Educación, e mesmo se teñen licencia legal dende a web de Microsoft. Este proxecto é o resultado da colaboración entre a Administración e a compañía Microsoft Ibérica, que firmaron un protocolo en xullo do 2003, e que xa deu os seus primeiros froitos hai uns meses coa presentación do sistema operativo Windows. Celso Currás, conselleiro de Educación, sinalou que as mudanzas entre idiomas xa non serán entre linguas minoritarias e maioritarias, nin oficiais e non oficiais, «senón pola diferenza entre linguas con tecnoloxía e linguas sen tecnoloxía». Na adaptación ao galego deste coñecido programa informático contribuiu activamente o centro Ramón Piñeiro e contouse co aval de Termigal -seminario de terminoloxía do galego-, que depende de Política Lingüística e da Real Academia Galega. Para facer este traballo, xunto coa adaptación do Windows, os especialistas manexaron máis de 600.000 palabras e frases. Elías Ramos, director de sector público de Microsoft, lembrou que as traduccións ao galego das ferramentas informáticas axudarán ao desenvolvemento da sociedade de información en Galicia, impulsando o uso da tecnoloxía por parte de particulares e empresas da comunidade e, no terreo da educación, «fomentando el acceso a ella a los estudiantes gallegos en su propia lengua», sinalou Ramos. Aínda que nestos momentos non está prevista a adaptación de ningún programa máis, Elías Ramos asegurou que continúa a colaboración coa Administración galega, e lembrou o papel dos mozos como catalizadores entre a sociedade das novas tecnoloxías e da informática, e mesmo como formadores do seu entorno familiar. «Queremos pasar del concepto del aula de informática a la informática en el aula», indicó. Normalización Con este paso avánzase cara a normalización da lingua galega, con un proxecto co que se pretende que todos aqueles usuarios da informática que o desexen teñan os recursos precisos para traballar e investigar no idioma galego. O director de sector público de Microsoft lembrou tamén que a implantación das novas tecnoloxías na escola debe facerse con programas extensos e intensos que axuden ao profesorado a adaptarse a estos cambios.