VIÑERON a Galicia algúns importantes escritores portugueses, moito menos coñecidos do gran público galego do que sería lóxico. Nada extraño: Inês Pedrosa chegou desde Lisboa en avión vía Madrid, un camiño difícil para que recibamos os libros dunha autora que comparte a nosa cultura e que, malia iso, visitaba por primeira vez estas terras. Contou que só sentiu a necesidade da viaxe cando coñeceu a Carlos Casares naquel famoso tren dos escritores que cruzou Europa. O caso de Mário Cláudio é diferente. Ten un bo coñecemento de Galicia e, mesmo cando non sexa alleo ao tirón centrípeto peninsular, concibe a eurorrexión como un compacto foco cultural a desenvolver. Tamén nos visitaron escritores occitanos, nunha situación de lingua minorizada moito peor ca nosa. Estaban en Samos cos membros do P.E.N. Clube galego cando chegou Jenna Bush para percorrer uns quilómetros da ruta xacobea. Por alí andou tamén o profesor Tavani a falar do seu descubrimento de que o galego foi un extenso monolingüismo entre os séculos XII e XIV e que supuxo un erro estar a falar de galego-portugués. Eran tempos en que o occitano marcara o futuro das literaturas europeas e o Camiño supuña a mellor comunicación. Os sindicatos policiais súmanse ao compromiso co emprego do galego. Está ben. O mesmo que se a inspección chega a funcionar nos colexios. É de lei. Curioso isto e o simbolismo das linguas. O seu traxecto, a súa indiferenza ante os que pensan que poden soterralas ou resucitalas polas boas coa miseria cósmica dunha declaración persoal.