Cambio e diálogo

TUCHO CALVO

SOCIEDAD

¿OS HUMANOS somos de natural tan rabudos coma se pensa? Máis aló dos filosóficos debates sobre a natureza da especie, penso que son máis ben poucos os que se moven pola violencia, a ira ou a irracionalidade. A mágoa é que cando se manifestan convértense nun andazo. É doado observar como se manipulan os sentimentos e as opinións da maioría. Un sorpréndese descubrindo decote novos mecanismos de engano nados da publicidade ou a propaganda. E o mesmo que atopamos miserentos intereses persoais nunha batalla como a da normativa do galego, percibimos o inmenso poder do aparato do Estado ou dos grandes poderes detrás de batallas dramáticas sobre a modificación da Constitución ou, aínda máis, na pechada e tráxica intransixencia dos extremistas de todos os bandos no conflito vasco. Agora, cando a Real Academia Galega vén de publicar a coñecida como «normativa de concordia», percíbese qué doado debería ser ese acordo no plano social. Por sorte, o debate que se abriu xa hai moitos anos permitiu avanzar no coñecemento do galego o que non se fixera perante séculos. Foi un inxente traballo. Pero as modificacións non representan un trauma, ningún cambio que non poida compararse aos doutras normas (as de tráfico, por exemplo). Sorprende ver canta guerra deron algúns encirrando o proceso, e o doado que é manipular manexando tópicos. Habería que preguntarlles se valeu a pena o dano que fixeron ao galego coa imaxe de desunión, coa idea de complexidades insalvables, coas batallas fratricidas que deron pé a que outros pescasen en río avolto.