Manuel Mandianes, antropólogo e membro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Barcelona O fútbol é o referente temporal para o 70% dos habitantes das grandes cidades, e os supermercados ou grandes áreas comerciais o referente espacial. O dato é de Manuel Mandianes, un antropólogo preocupado polos avatares das colectividades sociais e os referentes que constrúen a súa historia. Para este ourensán da Limia afincado en Barcelona, a identidade fronte ó fenómeno da globalización está garantizada «porque son complementarias», e porque, asegura, «aínda que o totemismo como tal desapareceu hai moito tempo, os mitos transfórmanse e seguen sendo o soporte simbólico do que a sociedade vai creando. O totem é intocable».
04 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Doutor en Antropoloxía, Teoloxía e Ciencia Política, Mandianes é investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Barcelona. Autor de nove libros e centos de artigos científicos en revistas especializadas e en prensa, defende a capacidade de adaptación do home, «que existe como ser social, e non hai home sen historia». -¿Unha cultura morre por falta de referentes? - A sociedade non pode vivir sen referencias temporais. Nas grandes cidades perdéronse as referencias do calendario litúrxico, pero sustituíronse polas do calendario da liga de fútbol, incluso cando remata. Se houbo un tempo no que os totem eran símbolos que identificaban a uns grupos doutros, hoxe é o Barça o que ten uns seguidores que se distinguen dos do Madrid ou o Depor, por poñer un exemplo. E ocurre que o Madrid pódese identificar co nacionalismo centralista español, ó Barça co nacionalismo catalán e ó Depor, cada vez máis, co nacionalismo galego, aínda que moita xente que non o vexa así. -Máis ca un mito son unha relixión. -As sociedades primitivas organizábanse en torno ó culto dun animal ou dunha planta, o totem ó que lle rinden sacrificios, porque é coma o seu deus que o explica todo, nun concepto filosófico absoluto. E estos clubes son o soporte de moitas máis cousas que unha pura competición deportiva. Representan máis cousas que perder ou ganar un partido. Captárono moi ben os emigrantes do resto de España en Cataluña, que case todos son do Real Madrid como reacción inconsciente ó catalanismo. -¿Vanse reforzar fronte o intento de uniformidade? -Os mitos vanse seguir transformando, non desaparecerán. Cando os científicos presentaron o mapa do xenoma humano publicáronse titulares en prensa como «Mal día para os racistas». Pero os racistas funcionan con outros esquemas, rechazan ós que non son coma eles. Ser idéntico a outros non depende do xenoma, senón da cultura, do color da pel, de como ulimos e de como nos sentamos. A base racial é cultural. A clonación non é máis que o desexo de perpetuarnos, da inmortalidade, o que é o mesmo que o mito de Narciso ou celta do tempo, esquecendo que un ser clonado é parello a outro, nunca o mesmo, porque cada un é el a as súas circunstancias. Os expertos recoñecen que de aí proceden as resistencias populares á reproducción asistida.