Ángel Sicart, director xeral de Patrimonio Cultural «Tódalas actuacións da Dirección Xeral de Patrimonio responden a uns criterios concretos e a uns plans de actuación, e son os que estamos aplicando». O responsable desta área da Consellería de Cultura, Ángel Sicart, defende así a política da Xunta en materia de patrimonio e asegura que se en arquitectura optan pola conservación fronte á rehabilitación e a restauración, en arqueoloxía «partimos do principio que o mellor xacemento é o que non está escavado, porque entre os anos 60 e os 80 furouse media Galicia». Achaca as críticas xurdidas nas últimas semanas «a un enfrontamento de familias arqueolóxicas» e di que está disposto a falar con todo o mundo, «pero non se pode demonizar, porque é tan negativo dicir que todo se fai mal como que está ben».
14 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Ángel Sicart é profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago, «polo que -comentou- coñezo moi ben á maioría dos arqueólogos e demais profesionais relacionados coa arte o o patrimonio». A súa responsabilidade política sobre este importante ámbito cultural remóntase ó ano 94. -¿Por que prefire non abrir máis xacementos? -Os museos están cheos de pezas sen estudiar procedentes de xacementos que se abriron nos anos 70 que seguen abertos. A política que seguimos é rematar e investigar o pendente, porque hai memorias de hai dúas décadas sen entregar. -¿Só abren os que xurden a raíz de infraestructuras? -Exactamente, porque é absolutamente inevitable. -¿Quen os escava? -En Galicia traballan 14 ou 15 empresas privadas de arqueoloxía. Son absolutamente independentes. Nós non temos nada que ver con elas por moito que digan. Escóllenas as empresas que fan as obras. Danlle traballo directo a uns noventa arqueólogos e, indirectamente, a máis de 250 persoas. Veñen arqueólogos doutros sitios, porque hai moita oferta e os galegos están traballando todos. -¿Cal é o papel da Xunta? -Protección, o que conleva inevitablemente medidas administrativas, porque dacordo coa lei son os concellos os primeiros que teñen que vixiar, e policiais, porque como se ve hai que deter ós que están expoliando. Nos non facemos investigación, porque para eso están as universidades e os institutos, senón arqueoloxía de xestión. -¿En que consiste? -É a vía coa que a Administración lle fai fronte ás actuacións polas obras de infraestructura, chámense autovías, parques eólicos, portos ou tren de alta velocidade, que obrigan a facer corrección de impacto e mover o trazado se é posible. -¿Existen garantías? -Claro. Nós intervimos desde o principio. Estas empresas, que empezar a meter arquitectos, xeólogos e restauradores, téñennos que presentar un proxecto de intervención, desde a metodoloxía dos custos económicos e desde a primeira prospección ó estudio final no prazo dun ano. Deseñan tres posibles trazados e vese ó que afectan. Cando se escolle faise outra prospección para situar os xacementos. As empresas ven se poden modificar ou non o trazado. Se non é posible, o xacemento entérrase, despois de escavar, recoller material, documentalo e publicalo. -¿Non choca coa arqueoloxía de investigación? -Non. A de xestión ten que ir a velocidades de vertixe, por diante das máquinas, mentres ca de investigación pode estar varios anos traballando nun xacemento, ó ritmo tradicional.