Kevin José volve á TVG con novos capítulos de «Era visto!»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

PLATA O PLOMO

Chega a secuela da mítica serie, 15 anos despois e centrada na Choupana, a vila rival da ficción orixinal

13 nov 2025 . Actualizado a las 12:42 h.

Kevin José madura…, ou polo menos inténtao. Un dos grandes éxitos da comedia galega regresa cunha secuela con historias delirantes, personaxes novos e antigos e moita retranca. Este xoves, despois do Land Rober + Show, emitiranse os tres primeiros capítulos de Era Visto! A Choupana, e despois chegará unha nova dose da icónica ficción da Televisión de Galicia. 

Hai 15 anos, Kevin José (Marcos Pereiro) era un adolescente descerebrado que deixou embarazada a Laura (Marita Martínez), unha moza da parroquia rival da Choupana. E hoxe, contra todo prognóstico, sentou a cabeza, atopou traballo e formou con ela unha familia. Agora, Kevin, Laura e a súa filla Rober (Carla Mojón) gozan dunha convivencia tan caótica como entrañable. 

A vida de Kevin na Choupana repite o patrón do seu pai Moncho en Lameiro, agás no equipo, xa que Kevin lle saíu celtista a Moncho. Polo demais, traballa nun concesionario de tractores e chimpíns dirixido pola temible dona Remedios (Lucía Veiga), e pasa as tardes no bar rexentado por Fuco (David Perdomo), con  Milucho (Xosé Manuel Esperante) e Lino (Victor Fábregas) resolvendo os grandes enigmas da vida. Por suposto, ao final do día, péchase no garaxe para compartir as súas reflexións sobre a vida. 

O turno de Kevin José 

«Botamos anos escoitando as reflexións de Moncho, e agora tócalle falar a Kevin. É unha gran responsabilidade», comenta Marcos Pereiro, protagonista da serie. «Manter o nivel de humor e actualidade é un reto, pero tamén unha satisfacción. As novas temáticas —desde o cambio climático ata o mundo das criptomoedas ou como fala a miña filla ficticia— dan moito xogo», engade.