Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Vedra: «A prioridade é non esquecer os pequenos problemas da xente»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

VEDRA

XOAN A. SOLER

O rexedor di que hai que traballar para «que Vedra sexa un concello moi bonito para ver, pero sobre todo para vivir»

05 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Martínez Carrillo, rexedor de Vedra, comezará o día 15 un novo mandato. Di que será o derradeiro, xa que entende que un cargo como o seu debe ter unha limitación no tempo que, dependendo dos proxectos, pode ser de dous ou tres mandatos, como quere que sexa o seu caso. Satisfeito co resultado, lembra que nesta etapa democrática é a primeira vez que un partido, neste caso o PP, revalida maioría absoluta, e subindo en votos.

-Nun momento no que o PP perde peso en moitos concellos, que pasou en Vedra para subir?

-Penso que o resultado do 26M é consecuencia de estar sempre ao lado do cidadán, saber que é o que queren os veciños e defendelos a capa e espada. Isto moitas veces coincidirá co partido ao que pertences, e outras non. Pero un alcalde e un equipo de goberno o que ten que defender é o seu municipio por riba de ideas políticas. Evidentemente eu pertenzo ao PP, pero neste partido hai moitas sensibilidades e a nosa é a de ser dos máis de centro. Defender aos que menos teñen non depende das siglas, depende das persoas. E son as persoas as que fan os partidos, non ao revés.

-E cales van ser as apostas do seu goberno? Loitar por non baixar dos cinco mil habitantes segue sendo posible?

-A perda demográfica sempre vai ser un problema. Antes ou despois caeremos dos cinco mil habitantes, porque isto non é só un problema de Vedra, é un problema de toda Europa. Loitaremos para non baixar desta barreira, pero xa traballamos para que, cando sexa, os veciños o noten o menos posible, que non haxa unha suba da carga fiscal ou unha perda de servizos. Agora estamos preparados para soportar ese golpe.

-En que medida pode afectar o desenvolvemento urbanístico a este problema demográfico que non se dá noutros concellos?

-Unha das cousas que queremos facer primeiro é constituír unha mesa de traballo con todos os axentes sociais e os grupos políticos da corporación para estudar e decidir que é o que podemos facer para mellorar o noso PXOM. Sabemos que necesita retoques, pero estamos sometidos a unha lei do solo que temos que cumprir. Unha cousa é o que queremos e outra o que podemos facer para melloralo. A idea é ter este debate no primeiro ano para buscar solucións. Temos que traballar para que Vedra sexa un concello moi bonito para ver, pero sobre todo para vivir nel.

-E no tocante á xestión, cales son as prioridades?

-Como goberno dun concello nunca debemos esquecer os pequenos problemas da xente, as cousa que lle preocupan. Pero, falando de proxectos concretos, neste mandato temos o reto de conseguir que o 60 % da poboación teña rede de sumidoiros e abastecemento nas súas casas. Tamén imos poñer en marcha un plan director de estradas municipais, para saber as que están peor e as que hai que arranxar con prontitude. Queremos que o polígono industrial estea en marcha estes anos. E hai que potenciar os servizos sociais, sobre todo para os maiores, pero tamén seguir apostando polo emprendemento xuvenil.