Xosé Amancio Liñares Giraut, historiador de Negreira: «Ramón Piñeiro segue moi presente»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

O coordinador das xornadas «Olladas no pasado» sinte que contribuíron a cubrir unha eiva no estudo do intelectual e os seus relatorios serán recollidos nun libro

05 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Amancio Liñares Giraut (Negreira, 1961) está xubilado da docencia, pero iso non significa que o exprofesor do IES Xulián Magariños non siga facendo contribucións para o coñecemento do noso pasado. A última delas, tivo que ver coa coordinación das xornadas Olladas no pasado, un ciclo de charlas organizadas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, centradas na figura do home que da nome á institución e na análise da Galicia na que el viviu, entre os anos 1915 e 1990.

Liñares considera que había unha «eiva no estudo» do intelectual e era preciso analizar a súa figura no contexto da época e do lugar onde se atopaba. «Dende o ámbito de Estudos en Historia Contemporánea estabamos de acordo coa dirección do Centro Ramón Piñeiro en que se realizaron moitas investigacións e houbo unha dedicación máis directa ao mundo medieval da Literatura e a Lingüística, por exemplo, pero o século XX estaba pouco abordado e era preciso afondar máis na contemporaneidade», explica. De aí a celebración dunhas xornadas que toman o título dun libro do seu protagonista, Olladas no futuro (1974). Con sete relatores de primeiro orde abordando no pazo de San Roque as décadas nas que viviu o lancarao e as distintas contribucións que fixo en cada unha delas, decidiron recoller todas estas achegas e reflexións nun libro que será presentado para o próximo ano, cando prevén celebrar a segunda edición dunhas xornadas que naceron con vocación de permanencia no tempo, abordando xa aspectos máis específicos do século pasado e do piñeirismo.

O cartel de relatores. As xornadas celebradas en Santiago contaron coas conferencias de Ramón Villares (falando dos anos 20), Emilio Grandío (anos 30), Xosé Luis Pastoriza (anos 40), José Ramón Rodríguez Lago (anos 50), Miguel Barros (anos 60), Daniel Lanero (anos 70), Alba Díaz (anos 80).

Un peche especial. Na clausura das xornadas estivo Justo Beramendi, que presentou o seu libro «A Galicia do século XX», unha publicación que saiu nun principio en español e cuxa tradución ao galego foi froito dun traballo que presentaron os exalumnos de Liñares do Xulián Magariños a un concurso, e lograron con el o Premio Humanístico Manuel González.

Para o coordinador do ciclo, unha das conclusións máis evidentes que se pode sacar del é que «Ramón Piñeiro segue moi presente», tal e como se comprobou nos coloquios abertos que tiveron lugar o mes pasado tralas disertacións dos conferenciantes. «A súa figura suscitou debates no seu tempo dentro da política galega e continúa a facelo hoxe. Foi valorado moi positivamente en certos ambientes do galeguismo e nacionalismo, pero tamén foi criticada a súa posición política porque tivo distintas actitudes ao longo da súa vida e, debido ás dificultades da ditadura, derivou máis cara a reconstrución cultural», indica Liñares, ao que lle parece necesaria revisar a súa traxectoria tendo en conta as ferramentas da represión franquista contra a loita puramente política.

Testemuño dos coetáneos

Por outra banda, comenta, entre os asistentes ás xornadas había persoas como Miguel Barros que trataron directamente con Ramón Piñeiro e compartiron cousas que non están nos libros sobre o home ao que a Real Academia Galega dedicou as Letras Galegas no 2009, como tamén outras entre o público que o coñeceron e «aportaron detalles» sobre el. O historiador de Negreira afirma que «aínda queda moito que investigar, moitos fondos documentais que estudar e aspectos da súa obra que tratar e reeditar. Hai que ter en conta que na súa época non había móbiles nin WhatsApp. As comunicacións eran por carta e el tiña correspondencia moi longa e abundante con moita xente no país e no exilio».

Conta con que queda moita leira por sachar de cara ás próximas xornadas de Olladas no pasado, que son a primeira actividade coa que se estrea a actividade no Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea do Centro Ramón Piñeiro, co obxectivo de «facer máis presente» a figura e obra piñeirista e ampliar os horizontes da institución encargada de promover e dar difusión a proxectos e programas galegos de estudos lin­güísticos, literarios, históricos e antropolóxicos.

Satisfeito coa resposta que tivo a primeira edición de Olladas no pasado (cunha media de entre 30 ou 40 asistentes, entre os cales había profesores de secundaria relacionados coa Historia, por formar parte do programa do Centro Autonómico de Formación e Innovación), aclara que de cara a próximas edición intentarán contar con máis mulleres relatoras, unha circunstancia que non puido darse este ano por unha mera casualidade.