Xosé Carlos Carracedo: «Un suspenso en Lingua e un mestre xenial provocárono todo»
SANTIAGO CIUDAD
O compostelán é autor do libro de relatos «Somos de Arxerís»
31 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Coñecín a Xosé Carlos Carracedo Porto (Santiago, 1990) na entrega dun premio literario e descubrín un mozo autor con moita madeira. A editorial Toxosoutos acaba de publicar, con sete contos máis, a súa ópera prima: Somos de Arxerís, vinte e cinco relatos apaixonantes e ilustrados con fotografías de Fuco Reyes.
-Que é «Somos de Arxerís»?
-Arxerís é unha vila ficticia e nela transcorren todas as historias do libro. Gustaríame lograr que calquera persoa galega poida ver reflectido, dalgunha forma, parte da esencia do seu lugar, aldea ou cidade nas historias do libro. Con ese propósito integrador inclúo o somos no título, coma un convite.
-Arxerís ten algo que ver con Santiago?
-Por suposto! Sempre pensei que a literatura ten que nacer da vida e eu vivo en Santiago. Certamente tamén ten que ver con outros lugares cos que tiven relación, pero de Santiago ten moito. Moitos contos escribinos na rúa baixo o paraugas da inspiración. É o caso de Baiuca, que artellei na Bodeguilla, ou O vello canteiro, que é unha historia acontecida no rural compostelán.
-Os relatos teñen un aire de literatura fantástica…
-Sempre me gustou moito o realismo máxico de Cunqueiro e dos latinoamericanos, e series do Xabarín como As bólas máxicas. De cativo, escribinlle unha carta aos Reis Magos na que pedía ter un rabo coma o de Son Goku. Dende neno vivo na fantasía e supoño que se reflicte no que escribo.
-Os espazos rivalizan cos propios personaxes en consistencia narrativa.
-Coido que os espazos son moi importantes porque é onde se sitúa a memoria. Penso que os lugares e os personaxes deben formar un equilibrio, malia que en moitas ocasións poida ser en forma de caos. O caos é unha necesidade de reequilibrio e ás veces xogo dese xeito co conflito da historia.
-Canto hai de autobiográfico nos seus relatos?
-Miguel Torga dicía que o universal é o local sen muros. Eu intento amosar a miña perspectiva das cousas partindo desa premisa. Falar dende a propia emoción para poder conectar. Xa os demais dirán se o conseguín ou non.
-Cales son as súas referencias literarias?
-Pois dependendo da época digo uns ou outros. Neira Vilas é un dos fixos porque foi un grandísimo escritor e, ademais, axudoume, semanas antes do seu pasamento, a dar forma a este libro cando aínda estaba en proceso. Tamén releo moito a Galeano, e actualmente estou descubrindo a Amelié Northomb.
-Por que escribe?
-Por accidente! Na ESO un suspenso en Lingua Galega e un mestre xenial que se chama Xosé Ramón provocárono todo. Intentei darlle a volta á mala nota escribindo e descubrín unha vocación. Supoño que nalgunhas ocasións o fracaso é un impulso invisible. Talvez sen ese suspenso non tería escrito nunca.
-A que aspira?
-A vivir con intensidade e empaparme de experiencias. Quero aprender moito e escribir cada vez mellor.