María Pose, alcaldesa en funcións de Santa Comba: «O PP quere gobernar para todos con honestidade e diálogo»

emilio forján SANTA COMBA / LA VOZ

SANTA COMBA

PACO RODRÍGUEZ

A alcaldable insiste en que a súa foi a candidatura máis votada e en que o seu grupo asumirá o mandato

04 jun 2019 . Actualizado a las 10:11 h.

O Partido Popular quedouse o 26 de maio a cinco votos do seu sétimo concelleiro e de lograr unha maioría absoluta para gobernar en Santa Comba, onde acadou un incremento de máis de cincocentos votos con respecto ás eleccións municipais de 2015, nas que o PSOE fora a forza política máis votada con 2.520 sufraxios e cinco edís, os mesmos que logrou o PP. Tralos resultados do 26M, que aínda están pendentes de que a Xunta Electoral Central resolva as alegacións de Compromiso por Santa Comba relativas á retirada do seu segundo concelleiro que lle foi asignado provisionalmente ao Partido Socialista, a incerteza aumenta entre a veciñanza, afeita a procesos convulsos como as dúas mocións de censura nas tres últimas lexislaturas. A posición adoptada por Compromiso por Santa Comba de manter a palabra dada en campaña de que non pactarían nin cos populares nin cos socialistas, empatados a seis concelleiros, fai que a posibilidade de que non haxa pacto cobre maior forza segundo van pasando os días e nos achegamos ao 15 de xuño, cando debería constituírse a nova corporación cos trece concelleiros e concelleiras saíntes das recentes eleccións locais.

-Como valora o resultado das municipais?

-A valoración para nós dos resultados nestas eleccións é moi positiva. O Partido Popular volveu a gañar en Santa Comba despois dos resultados que houbo nos comicios do ano 2015. Subimos máis de doce puntos porcentuais e melloramos os resultados das tres últimas eleccións municipais.

-Quedaron a cinco votos de acadar a maioría absoluta, a pesares de que tiveron un gran crecemento. Estivo moi axustada a cousa.

-Houbo unha vitoria clara do Partido Popular de Santa Comba, que efectivamente quedou a uns poucos votos da maioría absoluta, pero cun importante incremento de votos fronte aos tres anteriores comicios locais. Pero a Lei D´Hondt é así, aparte de que houbo moitos votos nulos con papeletas das eleccións europeas que eran para o Partido Popular e que finalmente non contabilizaron pola confusión.

-Felicitouna por eses resultados algún dos seus rivais?

-Unicamente David Barbeira, de Compromiso por Galicia, desexoume sorte o día das eleccións, igual que eu a el. José Antonio Ucha non me dirixiu a palabra. Non demostra ser unha persoa correcta, nin como político nin como persoa.

-E o panorama que deixan eses resultados electorais. Están dispostos a gobernar en minoría?

-Estes resultados reforzan o traballo do noso goberno. O Partido Popular quere gobernar para todos con esforzo, honestidade e diálogo.

-Compromiso por Galicia di que non pactarán, pero que dialogarán con todos os partidos. É posible un acordo con eles?

-Nós estamos dispostos a dialogar. Somos un partido aberto e de consensos. E por enriba de todo está o futuro e o benestar dos habitantes de Santa Comba.

-E o PSOE pide unha maioría, porque non aceptan gobernar en minoría.

-Non vou a valorar as decisións do Partido Socialista. Só engadir que os socialistas foron os grandes perdedores das eleccións do 26 de maio en Santa Comba.

-Pode esta situación poñer en perigo algúns investimentos para Santa Comba?

-Considero que Santa Comba necesita de acordos e non de enfrontamentos. Creo que a mensaxe dos veciños foi clara. E nós queremos gobernar coa man tendida. O noso goberno caracterizouse por traballar coas administracións e así queremos continuar, para incrementar e mellorar os servizos para os nosos cidadáns.

-E os votos da mesa de Vilar? Eran do PP e non reclamaron máis?

-Non teño nada que contestar.