Incomunicación

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTA COMBA

O FIADEIRO | O |

01 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

INDA o comprobei nun día desta semana, vindo do traballo: entre Negreira e Santa Comba cruceime con máis de cincuenta coches. E o percorrido áchase inzado de curvas, estreituras, firme irregular, sen pintar, gabias de asfalto lambido e vexetación frondosa. Non é de recibo que no ano 2003 as capitais barcalesa e xalleira estean tan incomunicadas por estrada. As relacións entre Negreira e Santa Comba son abondosas dende o punto de vista económico -días laborais-, deportivo -piscina climatizada, fútbol-, profesional, no tempo de lecer -fins de semana-. Por isto a vía de (in)comunicación que vai polo Ceilán, Monte, Nantón, O Barro, Marcelle, Suevos... debe coñecer xa arranxos fondos, que fagan unir e non separar as comarcas de Barcala e Xallas. Son só 18 quilómetros, dos que precisan melloras non máis de dez (¡só 10 quilómetros!), xa que o último tramo Santa Comba-Santiago, inda carecendo de carril de vehículos lentos, presenta condicións máis aceptables. E o paso pola Baña non está mellor, amais de alongar o traxecto. Parece incrible nestes tempos que non mude dunha vez unha estrada tan transitada e vital no progreso do eixe rural Barcala-Xallas.