Quintáns

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTA COMBA

O FIADEIRO | O |

02 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

TEN LIDO moito do que se escribe neste país nos últimos anos. Por vocación e porque de cote se conta con Manuel Quintáns Suárez nos xurados literarios. Abonda que citemos os premios Minerva, Blanco Amor, Lueiro Rei, Modesto R. Figueiredo... Este grande lector e conversador, amigo das tertulias con arrecendo a tabaco, nacera na parroquia de Freixeiro, nas terras xalleiras e labregas de Santa Comba. Formouse en Filosofía e Letras e xubilouse como catedrático de Literatura no Instituto Eduardo Pondal, en Compostela. Con ese motivo, un grupo de docentes e amigos publicaran o libro Homenaxe ó profesor Manuel Quintáns (Follas Novas, 1999). Dende aquela, el segue investigando e publicando no mundo das palabras -é autor dun voluminoso Diccionario-, dos refráns, da literatura popular. Recensiona na prensa as obras que le e remoe. Traballa no centro Ramón Piñeiro e dende a súa «factoría» caseña da rúa Frei Rosendo Salvado. Arestora, como coordinador e escritor, á fronte dun grupo de especialistas e co patrocinio do concello, está a preparar o volume Historia de Santa Comba de Xallas. Esta obra ofreceralle ós veciños desa terra un xeitoso relato sobre o máis destacable da súa historia.