A Fundación Rosalía convida ao país a conmemorar o día do nacemento da escritora, 23 de febreiro
PADRÓN
Lectura de poemas, alboradas, un concerto e a elaboración do Caldo de Gloria centran as actividades
11 feb 2026 . Actualizado a las 14:59 h.A Fundación Rosalía de Castro presentou esta mañá os actos de conmemoración do día de nacemento da escritora, 23 de febreiro, que a entidade cultural de Padrón convida a todo o país a celebrar lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía. Entre os actos previstos, destaca un concerto no que a cantora galega Uxía e o andaluz Javier Ruibal musican a Rosalía e a Lorca, tal e como plasmaron no disco De tu casa a la mía.
Ademais, a fundación rosaliana organiza actividades en Santiago e Padrón, de modo que o acto central terá lugar ás 12 horas no Panteón dos Galegos Ilustres. Haberá lectura de poemas rosalianos por parte de autoridades e persoeiros da realidade social galega, ademais das breves actuacións de Os Carapaus, e o dúo Uxía&Javier Ruibal. Antes, ás 11, haberá Alborada e ofrenda floral na Praza de Vigo, onde naceu Rosalía en 1837.
En Padrón pola mañá, as dez, haberá lectura de poemas por parte de escolares da vila e ofrenda floral diante da estatua de Rosalía no Espolón. E ao mediodía haberá degustación do Caldo de Gloria nos locais da vila e de todo o país, xa que a esta iniciativa sumáronse moitos colexios e locais hostaleiros de Galicia e de España, ademais de centros galegos no exterior, co que a fundación está a repartir milleiros de manteis.
Nesta novena edición, n cociñeiro Iago Pazos, chef do restaurante Abastos 2.0, ademais de Loxe Mareiro e A Cantina RIAo, preparará o Caldo de Gloria na Casa-Museo de A Matanza e no Panteón do Galegos Ilustres. O cociñeiro ofrecerá a sua versión do Caldo aos presentes, ás sete da tarde, xunto co bolo do pote realizado por tres mulleres de Mazaricos. A continuación, na Casa de Rosalía, haberá o concerto de Uxía e Javier Ruibal.
Todos estes actos foron presentados esta mañá na Casa de Rosalía nun acto ao que asistiron o presidente da fundación que leva o nome da escritora, Anxo Angueira; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o cociñeiro Iago Pazos, e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Luís Xaneiro e Olimpio Xiráldez.
En canto ao concerto de Uxía e Javier Ruibal, estarán acompañados á guitarra por Marcos Teira, para interpretar o traballo De tu casa a la mía, un retrato musical dos dous poetas universais, Rosalía e Lorca, e un paso máis nunha historia de amizade e complicidade que quere seguir o camiño iniciado por Lorca de Granada a Santiago, selando esa irmandade e a proximidade de espírito e de ideais. Farano con novas melodías, que darán a coñecer máis a fondo a súa obra e tamén descubrir a profunda admiración que Lorca sentía por Rosalía, que tivo a súa culminación ao escribir os Seis poemas galegos editados en 1935.