O seu autor, Fernando Cabeza, ten familia e coñecidos nos dous concellos
26 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Toponimia de Padrón e Pontecesures é o primeiro libro publicado sobre a etimoloxía e o significado dos nomes de entidades de poboación do municipio padronés e o máis completo e actual no caso do cesureño. O seu autor, Fernando Cabeza Quiles, veciño de Carballo de 72 anos, é un dos principais estudosos e divulgadores da realidade toponímica de Galicia, ademais de socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva da Asociación Galega de Onomástica. Ten as súas raíces paternas entre Padrón e Pontecesures, onde aínda ten familia e coñecidos, segundo explica.
Por este motivo, Fernando Cabeza afirma que xa estaba «moi familiarizado coa toponimia» dos dous concellos, de modo que moitos nomes que recolle na publicación «xa os tiña na cabeza», precisa en alusión a que xa lle soaban de cando residiu na zona. Do libro destaca que é «curto pero moi exhaustivo e estrito», de modo que recolle tódolos nomes posibles da toponimia maior, en alusión a aldeas, vilas e accidentes naturais, como montes e ríos, e tamén algún microtopónimos de Padrón e Pontecesures. Así, asegura que a toponimia padronesa «é moi interesante», ao igual que a cesureña xa que «están unidas».
A este respecto, conta que houbo poucas sorpresas nos nomes, xa que se repiten moitos que hai noutros lugares de Galicia, sobre todo de tipo natural, como pode ser O Barco, xa que considera que os habitantes de antes «estaban máis atentos que hoxe ao medio no que vivían», de xeito que bautizaban os lugares en base á realidade que vían, di. En Padrón tamén destaca a toponimia de orixe xacobeo, así como a relativa á condición de antecesora eclesiástica de Santiago e ao pasado romano de Iria-Flavia.
Tradición oral
En canto a Pontecesures, o autor levou unha pequena sorpresa sobre a orixe do topónimo e asegura que non procede de César ou dos censores que cobraban impostos, como se apunta de forma errónea, senón de cesárea, en alusión a un corte natural do terreo. Fernando Cabeza sinala que «a maioría da toponimia está explicada e xustificada con seguridade», en base a documentación histórica escrita e publicada, como a xerada polos mosteiros, pero tamén á tradición oral.
Así, o seu traballo tamén bebe das persoas maiores que residen nos territorios, como sucede cunha veciña de A Ponte, en Padrón, e que lle proporcionaron «información interesante», explica. «Vou ter que regalar catro ou cinco libro a colaboradores que me axudaron», sinala o autor. Entre os nomes recollidos que chaman a atención, destaca un por ser menos coñecido: As voltas do Apóstolo, que se refiren ás curvas da canle vella do río Sar. Antes, segundo conta Fernando Cabeza, estaba tan estendido que ata había un dito popular que sinalaba que «es máis retorcido que as reviravoltas do Apóstolo».
O libro, editado pola Real Academia galega (RAG) coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica (AGON), é a cuarta contribución de Fernando Cabeza á colección Terra Nomeada, despois dos titulados Toponimia da Estrada (2018), Toponimia de Carballo (2020) e Toponimia de Ribeira (2022). Na Estrada tamén viviu Fernando Cabeza porque seu pai deu clases alí, ao igual que en Ribeira, e en Carballo reside actualmente por casamento.
A colección Terra Nomeada ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos municipios de Galicia para coñecer cal é a súa motivación e o seu significado.