Múltiples actos de aniversario para Rosalía

PADRÓN

Merce Ares

Santiago e Padrón acollen as actividades centrais para lembrar á poeta, con actos na Alameda e na súa Casa-Museo

24 feb 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Santiago e Padrón acollen hoxe os actos organizados pola Fundación Rosalía e a Casa-Museo para lembrar á escritora no 181 aniversario do seu nacemento. Pola mañá, ás 11.00 horas, haberá unha ofrenda floral diante da estatua de Rosalía na Alameda compostelá, seguida ás 11.30 horas do acto institucional na capela do Hostal dos Reis Católicos. Na Casa-Museo da Matanza o cociñeiro Pepe Solla fará esta tarde, ás 19.30 horas, o xa coñecido Caldo de Gloria, unha iniciativa á que tamén se suman máis dun cento de locais de hostalería.

Na capital do Sar xa houbo onte varios actos, entre eles a ofrenda floral feita pola comunidade escolar ante a estatua da escritora situada no Paseo do Espolón. O auditorio municipal acolleu, ademais, un recital de poemas por parte dos alumnos dos IES Camilo José Cela e Macías o Namorado, xunto coa Asociación Cultural Rosalía de Castro. Tamén se proxectaron imaxes do filme Contou Rosalía, antes de pasear polas rúas de Padrón e tomar o Caldo de Gloria.

Pola tarde tivo lugar a entrega do premio do Concurso de Escaparates que leva o nome da escritora. Tamén se presentou o vídeo Caldo de Gloria. E o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, achegouse ata a Casa de Rosalía e aproveitou para coller a pa e facer a plantación dunha camelia.

Esta tarde, o salón da Casa de Rosalía acollerá, ás 18.30 horas, o concerto de Trío Rosalía (piano, óboe e mezzo-soprano), antes de degustar o caldo de gloria preparado polo cociñeiro Pepe Solla, que elaborará unha receita adaptada ao século XXI, segundo destacou a Fundación Rosalía.

En Santiago haberá máis actos. A Asociación de Escritores en Lingua Galega organizará un ás 12.00 horas no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, que inclúe unha actuación da Asociación Cultural e Musical Solfa, lectura de poemas rosalianos, unha ofrenda floral, a intervención do presidente do colectivo e a lectura dun manifesto.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, a asociación veciñal Reigame homenaxeará á poetisa na praza de Vigo, onde se situaba a casa na que naceu Rosalía hai hoxe 181 anos. Deste xeito, o colectivo quere «darlle luz a este gran tesouro» que teñen no barrio do Ensanche. A libraría Pedreira, pola súa parte, ofrecerá Caldo de Gloria a partir das 12.00 horas, e promoverá que os que se acheguen lean versos da escritora homenaxeada.