No tempo compartido

José Luis Martínez Sanjurjo PEPE ROIBÁS, IN MEMORIAM

ORDES

JOSE MANUEL CASAL

Pepe Roibás, in memoriam

18 feb 2026 . Actualizado a las 08:49 h.

O tempo é o que verdadeiramente nos define. Non os cargos, non os títulos, senón os días compartidos, as conversas demoradas, as decisións tomadas coa conciencia tranquila. E no tempo que tiven a fortuna de compartir con Pepe, aprendín a recoñecer a grandeza das persoas que están sempre e non precisan xamais facerse notar. José Manuel Roibás Vázquez, Pepe, tiña esa rara capacidade de poñer pausa onde había présa, de traer luz onde se acumulaban as sombras.

Nunca fuxía da responsabilidade; asumíaa con serenidade, coa firmeza de quen sabe que facer o correcto ás veces require paciencia e valentía silenciosa. Sempre pendente e disposto na busca de solucións. Sempre había na súa mirada unha reflexión máis, un matiz máis, un camiño posible que outros non vían.

O seu sorriso característico —ese sorriso sincero, case tímido— era unha forma de acougar o mundo arredor. Con el, mesmo os momentos máis complexos atopaban medida. Tiña o don de escoitar de verdade, de falar cando era preciso e de calar cando o silencio era máis elocuente.

No tempo compartido quedan as leccións que non se esquecen: a honestidade como guía, o respecto como norma, a lealdade como compromiso. Esas ensinanzas continúan marcando o rumbo de moitos de nós, porque o aprendido ao carón dunha persoa boa non se perde, queda para sempre.

Penso en Ana, compañeira de vida; en Iria e Alba, o seu orgullo máis profundo; e nuns pais centenarios, que lle regalaron ao mundo un home íntegro. Neles vive tamén todo o amor que Pepe sementou. Hai tempos que non se pechan nunca. Permanecen dentro de nós, acompañándonos, marcando o compás do que somos. Hai luces que, lonxe de apagarse, quedan para sempre acesas na memoria e no corazón.

José Luis Martínez Sanjurjo é alcalde de Ordes