Todos tivemos a nosa época de pintar nos lugares máis insospeitados. Eu aínda recordo como os meus avós permitíanme debuxar nunha parede da súa antiga casa. Despois chegou a época do instituto, a de encher os pupitres de garabatos. Tamén na parada do bus, poñendo o nome no asento metálico mentres esperaba. Incluso tiven a época de facer grafittis. Hoxe en día segue sendo unha cuestión difícil de analizar desde o punto de vista cívico. Non está ben pintar sen permiso nunha propiedade privada; ata aí estamos todos de acordo. Pero nos últimos anos estanse a dar pasos para a normalización deste tipo de expresións artísticas.
En Ordes levan nove anos traballando a prol diso. O muralismo que promove DesOrdes Creativas non é máis que unha evolución dos grafittis (sen meter no saco calquera esbozo sen sentido que se faga na rúa). Falando o outro día con Mou e Sokram, organizadores do certame e membros de Mutante Creativo, preguntáballes pola necesidade dunha normativa que regulase este tipo de mostras de arte urbana. Eles discrepaban; xa que entendía que iso coartaría a absoluta liberdade que rexe este mundo do muralismo. Aseguraban que o empurrón debían dalo os propios veciños.
Pensando niso, doume conta de que non podería ser máis acertado o razoamento. Pois así é como está a funcionar tanto en Ordes como en Carballo. A xente cédelles o espazo e eles pintan o que lles dá a gana. E moitos deses murais son dunha inmensa beleza. Eu, que traballei en Carballo e cruzo Ordes a diario, son desas persoas que dan grazas de poder ver un cervo (é un dos murais que se están a facer estes días) onde antes había unha parede de ladrillo.