Ordes entra na terceira dimensión

Alicia pedreira ORDES / LA VOZ

ORDES

CEDIDA

Dous enxeñeiros pretenden coa súa empresa de impresión 3D dar o salto á industria aeronáutica

01 feb 2015 . Actualizado a las 22:42 h.

Adrián Sánchez e Luis Mandayo teñen 25 e 27 anos respectivamente, unha enxeñería industrial ás súas costas e un futuro tanto ou máis prometedor que o seu presente no mundo da impresión tridimensional. Comezaron coa súa empresa, Lupeon, hai dous anos. Luis elixiu Viena para facer o seu proxecto de fin de carreira nun momento de gran efervescencia da impresión en 3D, e ao regresar, embarcouse nesta aventura empresarial co seu curmán, nun ámbito moi descoñecido en Galicia, pero do que eles souberon captar todo o potencial que ofrece, e apostar e arriscar por el.

Son conscientes de que a maioría da xente que transita por diante da súa sede social, na ordense rúa do Recreo, non saben o que fan nin para qué serve. «A impresión en 3D supón unha revolución no mundo do deseño, porque permite formas imposibles de fabricar de outra maneira», aseguran. Ademais, brinda a posibilidade de ver de inmediato como é na realidade o que estás creando no ordenador a través da impresión dun prototipo. O mesmo que permite ás empresas traballar sobre seguro. «Para facer a tapa dun bolígrafo é necesario un molde de aluminio que pode custar moitos miles de euros e no que a empresa responsable se expón á posibilidade de que saia mal». Coa impresión en 3D a incerteza desaparece: «Podes facer tantas probas e verificacións como sexan necesarias para corrixir os erros que haxa antes de dar o salto á produción en serie». E cando non se trata da fabricación a gran escala, «evita os elevadísimos custes de series curtas de determinadas pezas». Por iso Luis non dubida en afirmar que «a impresión en 3D non acaba cos procesos de produción actuais, senón que axuda a melloralos e optimizalos».

 

 

Tamén a nivel doméstico

 

 

A nivel doméstico tamén ten as súas aplicacións. «Permite por exemplo, crear pezas idénticas a outras inservibles de calquera aparello sen necesidade de substituílo», un tipo de encargos que segundo afirman, xa vai medrando. De feito, Luis e Adrián foron pioneiros en España en ofrecer impresión 3D baixo demanda, é dicir, que algo ata o momento reservado só ás grandes empresas, fose accesible a calquera. Porén, saben que onde hai negocio, é na industria. E aí é onde xa se están movendo, dentro do sector do automóbil e proxectos arroupados pola Universidade de Vigo. Un dos seus traballos máis coñecidos foi a maqueta do novo estadio de Balaídos, presentada o pasado mes de novembro nas Xornadas de Automatización Industrial en Vigo.

De momento, as máquinas das que dispoñen imprimen con fío de plástico ou resina, pero teñen os ollos postos noutras que lles permitan dar o salto á impresión en metal. Un paso de xigante grazas ao que poderán introducirse no mundo da medicina, da industria militar e sobre todo, da aeronáutica, para o que xa teñen calculadas as

vantaxes que pode supoñer traballar con eles e o seu amplo abano de materiais. Por exemplo, nun Airbus A380 con 853 pasaxeiros, substituír as fibelas dos cintos de aluminio por outras de titanio rebaixaría o peso total do avión de tal modo que ao longo da súa vida útil, aforraría uns catro millóns de euros en combustible. «A máquina só pon material onde o necesita, non partes dun bloque que sexa necesario desbastar, pulir ou tornear, polo tanto, non hai desperdicios», comentan.

Adrián e Luis, que aprenderon a ler na escola unitaria da súa aldea, en Abellá (Frades), e hoxe son un exemplo como emprendedores, teñen claro onde queren chegar: «Necesitamos atopar inversores, alguén que aposte por nós, adquirir a maquinaria que precisamos e pilotar desde Galicia un proxecto de impresión 3D con varios enxeñeiros».