«A vontade compartida da xente botou andar o centro»

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

O 50.º aniversario do instituto melidense revela a implicación política, económica e social dos seus inicios

27 nov 2017 . Actualizado a las 23:28 h.

Ramiro Piñeiro ten case tantos anos coma cursos se levan impartidos no centro educativo do que é director: o IES de Melide, onde o equipo directivo que comanda meteuse de cheo nos preparativos dos actos cos que, a partir da semana que entra, se conmemorarán 50 anos de ensino medio na capital comarcal. No aniversario tamén se implicou de xeito activo o resto da comunidade educativa.

-¿Que sobresae da evolución do centro neste medio século?

-A vontade compartida, sobre todo nun inicio cando en 1967 botou andar como colexio libre adaptado. Participou o Concello, o tecido empresarial e, en certa medida, tamén as familias, procurando que os seus fillos non tiveran que saír fóra para poder facer as probas de bacharelato que logo lles levarían a cursar estudios superiores.

-¿Segue latente hoxe en día esa compromiso social?

-Si. Melide é un concello moi activo e dinámico. Ten cantidade de asociacións, tanto culturais como deportivas, coas que procuramos estar en contacto, tamén a través do Concello, co que traballamos arreo xuntos.

-¿Que lle ten que agradecer á sociedade melidense ao IES?

-Débelle moito. Agora quizais se pense que lle debe menos porque en todos os recunchos de Galicia hai un instituto, pero en 1973, cando foi recoñecido como instituto de bacharelato con todos os poderes, en 50 quilómetros á redonda non había outro. Supuxo moito ter o instituto, pero tamén que a xente de Melide sempre fose moi traballadora e aforradora permitiu costear os estudos a un gran número de rapaces, aínda que é ben certo que houbo quen quedou polo camiño.

-¿Bótanse en falta tempos mellores?

-Se falamos a nivel de calidade do ensino, a do IES de Melide, hoxe en día, é superior, aínda que antes se tiveron moi bos resultados en selectividade. Agora estamos dentro da media de Galicia, pero si somos un centro moi saneado. Nos tres últimos anos, coa axuda da Administración, acometéronse melloras en infraestruturas e de dotación de material. Pero o máis importante é que somos un centro con 460 alumnos, un número de profesores amplo, 60, e grupos que non exceden os 26 alumnos.

-¿Que fortalezas ten o centro?

-O IES de Melide pode presumir dun equipo de atención á diversidade moi involucrado. Todo o mundo ten a súa cabida aquí para desenvolver as súas competencias académicas e profesionais.

Podémonos congratular tamén do ciclo de carpintería e moble, fundamental para a demanda que hai na zona. Neste curso, rapaz que remata, rapaz que terá traballo porque xa están vindo empresarios en busca deles. E se teñen traballo é porque saen moi ben formados.

-¿E debilidades ? Como parece ser esa escasa oferta de formación profesional...

-Temos que potenciar o que temos e non é fácil. En xeral, baixa o alumnado de FP, co que a matrícula en Melide non é todo o boa que quixeramos, a pesar de ter moita saída. Estamos estudando co Concello e coa Administración posibles módulos complementarios ao de carpintería, pero temos que incorporar ciclos que non se oferten a 20 minutos.