Na súa labor de recuperación e promoción do legado artístico da comarca melidá, o Museo Terra de Melide vén de facer un oco nas súas salas de exposición á obra do artista local José Gómez, coñecido por todos na vila como Pepucho da Unión. Trátase dunha colección de barcos que o melidao elaborou con toda minuciosidade en madeira. Suman catorce réplicas correspondentes a distintas clases de embarcacións que pola súa funcionalidade noutro tempo pasaron á historia. Así, entre os exemplares pódense admirar unha nave vikinga, diversos barcos de vapor -os bautizados como Mississipi-, un galeón de mediados do XVIII, o buque Juan Sebastián El Cano ou mesmo dúas das tres naves a bordo das que a expedición capitaneada por Critobal Colón albiscou o continente americano no 1492: A Pinta e a Santa María. A ningunha das réplicas das lexendarias embarcacións lles falta detalle o que dá conta da laboriosidade coa que Pepucho da Unión realizou este traballo que permanecerá exposto ó público durante todo o mes de agosto en horario de 11.30 a 13.30 e de 15.00 a 21.00. A mostra complétase cunha mostra de artesanía en madeira, obra do seu pai, José Gómez Otero.