O IES de Melide rexeita o premio dun concurso ó que non se presentou

XOSÉ GARCÍA MELIDE

MELIDE

O Equipo de Normalización Lingüística do Instituto de Ensino Secundario de Melide rexeitará nos vindeiros días un cuarto premio acadado no concurso Entre nós en galego , que organiza a Consellería de Educación. A razón para facer isto é que o devandito instituto non se presentou á modalidade de actividades e experiencias normalizadoras nos centros de ensino, que foi na que resultou premiado cun vale de 480 euros para libros. O IES de Melide negouse a participar neste certame por considerar que os cartos destinados a normalización lingüística non se deben repartir deste xeito, «sen que haxa un control da veracidade dos informes de actividades que se envían». Para o Equipo de Normalización Lingüística do instituto este feito demostra que o certame Entre nós en galego «é unha farsa, pois empréganse os cartos para xustificar fortes investimentos en normalización lingüística cando non se preocupan por facer cumpri-los mínimos legais do decreto 247/95 nos centros escolares». Ademáis critica que moitos centros usen os cartos deste certame para adquirir libros en castelán e outros materiais, debido a que non teñen que presentar xustificantes nin facturas do que se merca. O IES de Melide dirixirase agora a outros centros que tamén se negaron a participar no mesmo certame para que denuncien feitos semellantes. Tamén solicitarán a Política Lingüística que tome en serio «dunha vez por todas» a cuestión do galego no ensino.