A Asociación Cultural Terra de Melide organizará hoxe, na vila melidense, a presentación da última obra publicada polo filósofo galego Ignacio Castro. O acto terá lugar na Capela de San Antón ás 21 horas. A obra da que falará Castro en Melide, Roxe de Sebes, é a sétima da súa bibliografía e foi publicada por edicións Noitarenga. Neste libro fálase das vivencias do autor nos seus retiros na cabana do Culán, nun curruncho arredado da serra do Courel, que comezaron o 15 de outubro de 1983. Castro fixo vinte retiros, de entre dous e catro meses cada un, ó longo de sete anos. A cabana do Culán estaba a hora e media de Soldón de Seara, a aldea máis próxima, e foi un eido ideal para que Castro puidese adicarse á escritura da súa obra, e para realizar unha fonda reflexión verbo da sociedade actual e a súa integración premeditada como persoa nela. En Roxe de Sebes, que é o nome do lugar que habitou este moderno eremita, Castro non se adicou só a ler e a escribir, senón que prestou unha especial atención ás actividades cotiás como a caza, a pesca, as excursións ou a contemplación da natureza. O seu libro deixa constancia de todo iso a través de pequenos detalles que van gañando en fondura e densidade a medida que avanza o lector neste cento de páxinas. Deste xeito, comeza o libro cun Caderno de intres no que Ignacio Castro debulla, en anacos de extrema concisión verbal, faíscas das súas vivencias nas que a penas se sente o rastro do humano e si a omnipresencia do cosmos. O libro consta de tres partes máis: Cartas dende a cabana, Mil días, e Clima e acción. Nesta última, Ignacio Castro remata cunhas páxinas de pensamento filosófico puro nas que deixa constancia da súa talla intelectual.