A parella de escoceses asentada en Dodro limpa o lavadoiro en agradecemento: «Foi un bo traballo e con moitas risas»

DODRO

Asentados en Manselle, tiveron a axuda duns compatriotas e utilizaron ferramentas tradicionais
18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Eric Hendry, de 63 anos, e Jane MacDonald, de 57 anos, a parella de escoceses asentada en Dodro desde finais do 2020, volveu a dar outra lección de amor á terra galega, máis concretamente a de Manselle, aldea na que residen tras mercar unha casa. Fixérono coa limpeza do lavadoiro do lugar, para o que contaron coa axuda de tres amigos do seu país de orixe: Caroline, Colin e Elaine, que xa están en Escocia despois de pasar uns días en Manselle, nalgún caso por terceira vez.
«Un traballo satisfactorio. Continuará», escribiu Jane MacDonald no seu perfil das redes sociais, en alusión á limpeza do lavadoiro. Así, mentres Eric usou unha desbrozadora para cortar toda a maleza que rodeaba o elemento patrimonial, os seus compatriotas usaron ferramentas manuais tipicamente galegas, como un vello fouciño que xa estaba na casa que mercaron na aldea, ademais doutro novo. Tamén usaron un fouce, un podón e un cepillo para fregar o limo das pedras do fondo do lavadoiro.
A limpeza, voluntaria e desinteresada, foi como unha mostra de agradecemento dos veciños escoceses á aldea que tan ben os acolle. Jane MacDonald conta que agora é preciso «mantelo limpo», para o que estarán atentos, aínda que hai unha parte do traballo que non poden facer, en alusión ás ramas dos árbores que medran enriba do lavadoiro.
Nunha conversa con palabras en galego, castelán e inglés, explica que aos seus amigos encántalles Manselle e Galicia e que, como a ela e a súa parella, se lle parecen ás terras altas de Escocia. Tamén fala dos bos veciños que teñen e mesmo do tempo, que di que incluso é mellor que no país escocés. So falta, engade entre risas, que lles «toque a lotería» para mercar outra vivenda e que tamén se poidan establecer en terras galegas o seus amigos.
Estes destacan que Manselle é un lugar tranquilo, no que se respira paz e que se presta a meditar, co son de fondo da auga do rego que abastece ao lavadoiro. Cren que este punto é un lugar ideal, explica Jane MacDonald, para ir coa familia no verán, por ser fresco e tranquilo e mesmo no lavadoiro pode lavar as alfombras da casa ou os cans que adoptaron.
«Foi un bo traballo e con moitas risas», resume a veciña escocesa, quen confesa que están felices en Galicia e máis o estarán a partir de decembro, cando consigan a residencia permanente, despois de cinco anos vivindo en Dodro. Para entón haberá unha «celebration», di mentres bate palmas. Ela, ademais, pasa moito tempo en Rianxo, concretamente no restaurante o Curral do Marqués, no que traballa. Conta que está aprendendo moito da cociña tradicional galega, da man do seu xefe e da nai deste, a quen considera «os mellores profesores».
«Merecen un premio por limpar así o lavadoiro de Manselle; os que son de aquí de toda a vida non o fan», explica unha veciña de Dodro. É que a parella de escoceses demostrou que non fai falla nacer nunha terra para querela e valorala como se o fixeras.