Un mozo do concello escribe e canta unha canción neste estilo dedicada ao lugar no que vive para dalo a coñecer
18 may 2015 . Actualizado a las 09:37 h.¿Que terán as terras de Iria e, máis concretamente as de Dodro, para seren unha fonte inesgotable de creatividade? Dende as grandes letras de escritores de renome como os irmáns Lorenzo Baleirón ou Anxo Angueira a, noutro nivel, o traballo dos alumnos do Centro Público Plurilingüe Integrado que, cada pouco, elaboran vídeos de temática moi variada.
No medio da literatura e os traballos de clase xorde un nome, o de Adrián Iglesias Mariño, veciño de Tarrío de 22 anos, que foi quen de rapear un tema en galego «dedicado ao lugar no que vivo»: Dodro. O traballo está colgado nas redes sociais co seu nome artístico, Zero4, así como un avance da seguinte canción que sacará no mes de xullo, sobre o accidente ferroviario de Angrois.
Hai dez anos que Adrián probou sorte co rap, por entón en castelán, porque «era a única referencia que tiña», explica. Foron os comezos pero, cando estudaba os últimos cursos de secundaria no instituto de Dodro, deixouse aconsellar polo seu profesor de Música e probou a facer rap en galego, quizais tamén «porque non se coñece moito feito neste estilo e nesta lingua», di.
O resultado son cinco cancións e unha sexta en camiño. Dúas delas son temas que cualifica de «íntimos»; outra é unha versión do himno de Galicia; a cuarta está dedicada á traxedia de Angrois, xa que Adrián estaba en Santiago na noite que aconteceu o accidente, e a quinta vai sobre Dodro. Esta última leva máis de 1.000 visitas dende que está colgada nas redes sociais.
Con este tema, o mozo de Tarrío quere transmitir, en rap, «o que vén sendo para min o lugar no que vivo», Dodro, no que «estou moi a gusto e proba diso é a canción». De aí que lle faga unha pequena homenaxe co tema, para «transmitir como é o concello» pero, sobre todo, «a forma de sentilo».
Adrián grava na súa propia casa, polo que a calidade do son non é sempre a que lle gustaría, pero iso non o desanima. Agora traballa na segunda canción sobre o accidente ferroviario de Angrois, para tratar de transmitir o que sentiu esa noite, cando estaba en Santiago e padeceu «angustia por non poder facer nada».
O mozo de Dodro estuda e traballa ao mesmo tempo. O rap é unha «afección». Con quince ou dezaseis anos lle houbera gustado dedicarse profesionalmente á música, pero agora xa non o ten tan claro, polo que queda nas «mans do tempo que a afección vaia a máis ou non, xa que non teño nada pensado», explica.