O FIADEIRO | O |
03 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.RESPONDERON moi ben os veciños de Santa María de Ons (Brión) ó acto de presentación do libro Aldeas. Escritos e imaxes da Galicia tradicional, da autoría do antropólogo brasileiro Carlos Rodrigues Brandao. Así, con esa ampla presencia da parroquia e da comarca, quixemos agradecerlle ó Carlos o seu tempo de convivencia nestas terras, mentres realizaba o seu «traballo de campo» en antropoloxía social, ó longo do ano 1992. Aldeas é un libro fermoso, con moito de íntimo e de compartido, no que se ven retratadas, cun estilo literario poético e ben logrado, estas paisaxes e xentes. O Concello de Brión vai facer que chegue un exemplar da obra -e serán máis de dous mil- a cada un dos fogares do termo municipal. Isto si que é un labor positivo, en prol da difusión da nosa cultura. O goberno local brionés mimou dende sempre a promoción cultural. É de aplaudir. Carlos R. Brandao (Rio de Janeiro, 1940) viviu intensamente ese seu ano sabático como profesor universitario de Campinas, camiñando e fitando polos montes e camposas de Ons e os seus arredores. Velaquí o resultado, no que combina textos sentidos e fotografías. Lembrámonos hoxe del, agradecendo a súa bonhomía, amizade e capacidade intelectual.