Comemos con medo?

francisco ant. vidal

ARZÚA

matalobos

30 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cóntase que o alcalde coruñés, Alfonso Molina, famoso entre outras cousas polo seu bo saque, acudiu en certa ocasión a un banquete e puxéronlle queixo da Arzúa na sobremesa. Véndoo comer un dos asistentes preguntoulle: «Don Alfonso, vostede non pela o queixo?». Ó que el respondeu: «E pela vostede o pan?». Se fose hoxe, don Alfonso pelaría o queixo, tal e como recomendan as etiquetas, e se non pelaba o pan era porque lle gustaba sentir o crocante estalo da codia. Pero a todo se chegará.

Falabamos disto estoutro día porque o médico recomendoulle a Xulio tomar salmón por mor de non sei que tipo de graxas que lle saíron baixas nas análises, e Xulio, quen sempre coidou moito todo aquilo que metía na boca retrucoulle co de que era un peixe de piscifactoría, alimentado con pensos e, segundo as noticias, con abuso premeditado de antibióticos, pero o médico sen sacar a vista dos papeis foi rotundo: «Ti necesitas a graxa do salmón». E calou para non dicirlle que o peixe de alta mar tamén está cheo de microplásticos e metais pesados, que a fariña do pan é transxénica, as mazás veñen vernizadas e os roxóns adultéranse con peles de polo. Non hai nada auténtico, pero aínda é peor desconfiar do que non está mal por non coñecer ben os sistemas de conservación e manipulación.

Desconfiamos tanto do que nos dan que cando non é pola sustancia é pola orixe, e sempre quedamos coa dúbida de se por comer isto ou aquilo imos ter consecuencias no futuro. Ata hai programas deseñadas para valorar os alimentos a través do código de barras, que se lle facemos caso estaremos en xaxún permanente. En Internet temos multitude de recomendacións para tomar suplementos vitamínicos cos que evitar as carencias que provocan as dietas deseñadas para emular ás hipotéticas figuras da beleza segundo os parámetros occidentais, parámetros impostos para que nunca sexa miss universo unha bosquimá nin unha rapaza andina. E segundo vaia o mercado, sempre haberá motivos para rexeitar isto ou para enchernos daquilo. Se o peixe azul era malo hai vinte anos, agora é imprescindible. Hai corenta anos recomendábase desde a televisión a copiña de viño de xerez en xaxún para que os nenos medrasen fortes e sans. É o poder da mercadotecnia, meténdonos ou sacándonos aquilo que lle convén. Sabemos que os conservantes son necesarios pero ensináronnos a terlle medo e a sospeitar do seu abuso indiscriminado.

Como comer graxa de porco, é a un tempo unha gloria culinaria e un pecado contra a saúde, Xulio pasounos un artigo sacado de non sei que universidade americana, moito máis fiable ca todo o que digan desde Lalín, asegurando que unha dieta con carnes, aves e vexetais baixos en amidón activa as células do livián e mellora a inmunoloxía contra os virus da gripe. Non sei quen pagaría o estudio, pero seguro que non foron os pataqueiros de Coristanco nin os da Limia. De todas formas ben sabemos que un bo trago de caña con limón e mel é man de santo para o trancazo.

Así están as cousas co asunto do consumo segundo conveña, teñan ou non aditivos, graxas saturadas ou conservantes. Nin tan malos nin tan bos, pero quen máis e quen menos andamos algo receosos con tanta proclama. Falta unha voz que aclare e poña orde no asunto, ó menos co mesmo tipo de letra que aquela que nos amedrenta, para poder sentarnos a mesa sen pensar mal.