Doce compañías galegas amosarán ata xuño os seus espectáculos en Ames

La Voz

AMES

O alcalde, o director da Agadic, a técnica de Cultura de Ames e representantes das compañías presentaron este luns a programación
O alcalde, o director da Agadic, a técnica de Cultura de Ames e representantes das compañías presentaron este luns a programación .

En febreiro acollerá a estrea cunha dobre sesión de «Bio construción», de Ibuprofeno Teatro

16 dic 2025 . Actualizado a las 04:50 h.

Dúas novidades destacan na programación escénica de Ames para o primeiro semestre do 2026: a estrea do espectáculo «Bio Construción», da compañía Ibuprofeno Teatro, a finais de febreiro; e a inclusión por primeira vez das dobres funcións. Deste xeito, dúas da ducia de montaxes —«Bio construcción» e «Ictus», de Chévere— poderanse ver en dúas xornadas.

A programación —protagonizada integramente por compañías galegas— comezará o 23 de xaneiro con «As gardiás», de Teatro de Ningures. O día 30 tomará o relevo «As formas do amor», de Verdeveras Expresións Artísticas. Xa en febreiro, Butacazero escenificará o día 8 «Iribarne». Despois, o 27 e o 28 será a quenda de Ibuprofeno Teatro con «Bio construción».

Galeatro con «Berenguela na gaiola» abrirá o día 6 a programación de marzo. Esa mesma xornada tamén actuará Serea Teatro, que achegará o seu traballo «Sen lingua». O día 13 será a quenda de «Riazor Ostia», de Os Náufragos. Artika Cia pechará o día 27 o mes coa proposta para público infantil «O Libro da Selva: o musical».

A programación de abril comezará o día 13 co espectáculo de danza «Alén», de Colectivo Glovo. O día 17 toma o relevo «Artur UI, o ovo da serpe», de Talía Teatro. Non faltará o circo. Pistacatro presentará un cabaret o 24. Xa en maio, os días 8 e 9, recalará Chévere con «Ictus (Anatomía de ‘A derradeira leición do mestre’)».

A programación foi presentada onte nun acto coa participación do alcalde de Ames, Blas García; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a técnica do departamento de Cultura de Ames, María Vázquez; e representantes de varias compañías. O rexedor destacou que se está «creando un público fiel». Ademais, lembrou que contarán con tres residencias artísticas —Chévere, Ibuprofeno Teatro e Fran Sieira—, e tivo palabras de agradecemento para a Agadic, xa que a ducia de espectáculos conta co seu apoio a través da Rede Galega de Teatros. Sutil salientou, ademais, o feito de que se incorporen as dobres funcións. As entradas poñeranse á venda o 8 de xaneiro.