O prazo para presentar os traballos remata o 30 de outubro con 1.800 euros en premios
01 oct 2025 . Actualizado a las 04:55 h.O Concello de Ames convoca a sexta edición do certame Galetiktokers coa intención de que as redes se enchan de vídeos en galego. Por iso, desta volta amplía a participación a todas as persoas maiores de 13 anos, xa que o ano pasado tiña como tope os 35. A iniciativa pretende estimular a creatividade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, así como visibilizar a comunidade galega na rede TikTok.
O certame repartirá seis premios de 300 euros cada un. Haberá tres galardóns por cada unha das categorías. A primeira inclúe rapazada dos 13 aos 17 anos (ambos incluídos) e a segunda engloba a todas as persoas maiores de 18 anos. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os dous restantes serán escollidos polo público, que votará premendo «gústame» nos vídeos subidos ao perfil de Instagram de Xuventude de Ames.
Para participar é preciso enviar unha ficha de participación que se pode atopar na web do Concello de Ames e o vídeo de entre 15 e 60 segundos a galetiktokers25@gmail.com. O prazo de inscrición remata o 30 de outubro. «O máis importante desta iniciativa é a defensa da nosa lingua e que as redes se enchan de vídeos en galego», resaltou o alcalde de Ames, Blas García, na presentación da iniciativa.