«Biribirlocke sempre foi ese sitio onde poder escapar para soñar»

antón parada

AMES

A formación durante o pecha do festival Castelo Rock
A formación durante o pecha do festival Castelo Rock .< / span>

A banda asentada en Ames prepara un novo traballo que adiantará no concerto desta noite na Sala Capitol

01 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

20.45 horas???Sala Capitol???15 euros???Durante os anos de instituto sempre foi habitual que varios amigos se xuntasen para formar un grupo de música. Tristemente, estes proxectos soen ter unha vida curta na súa gran maioría, supeditada ao desenvolvemento persoal de cada integrante. O paso pola universidade e a integración na vida laboral son a espada de Damocles que acaba asestando a estocada definitiva. Mais sempre hai quen é capaz de facer do aceiro unha melodía.

Biribirlocke nacía deste xeito, hai preto de seis anos, cando varios compañeiros de primeiro de bacharelato decidiron comezar a quedar por simple e pura diversión. «Non tiñamos ningunha pretensión de tocar en ningún sitio, só queriamos pasalo ben», explicou Benja Seoane, o vocalista e un dos membros fundadores desta banda que comezou bebendo directamente dos ventos da Escola de Música de Rianxo.

A día de hoxe houbo cambios nos integrantes, mais a esencia coa que se forxou sigue sendo a mesma que proxectan. A diversión e a amizade. Así, ao micrófono de Seoane séguenlle a batería de Héctor Ojea, os graves do baixo de Antón Torroncho, os acordes da guitarra de Raúl González, a trompeta de Miguel Silva, o saxofón alto de Martín Castro, e mailo trombón e o saxo tenor dos irmáns Roque e Amaro Sampedro, respectivamente. «Biribirlocke sempre foi ese sitio onde poder escapar para soñar», afirma Ojea.

Base en Ames

Hoxe, xunto a Sínkope, ofrecerá un concerto onde presentarán catro novos temas do seu futuro traballo, que aposta por un formato audiovisual e un son máis melancólico e cru que os sete cortes de «Corzos», a súa primeira creación. Precisamente, acaban de cociñalos no mesmo estudo, Pousada Son, situado en Ames. Neste concello é onde estes mozos de entre 18 e 30 anos de diversas procedencias xeográficas teñen a base de operacións.