Es o que aparentas

Vicente de Lema ONDA MAINA

A BAÑA

LETICIA TILVES

Non faga cousas peores». Escoitei a alguén comentar cando se falou de que o exalcalde de A Baña foi cazado en Pontevedra aparcando nun espazo reservado para persoas con mobilidade reducida aducindo que tiña a tarxeta correspondente, que era a de súa nai, falecida hai sete anos. A verdade é que o feito de que o rexedor fixese a pillería de estacionar nun lugar reservado para discapacitados é unha boa mostra de falta de civismo. Algo que, lamentablemente, sucede moi a miúdo. É unha queixa habitual das persoas que teñen que desprazarse en cadeiras de rodas. En moitas ocasións atopan o seu recuncho ocupado por persoas que ben poden deixar o seu auto noutras partes e camiñar, que é bo para a saúde, e non amolar aos que de verdade están impedidos ou teñen moitas dificultades para desprazarse. É dende logo, unha falta de consideración e de empatía. Non entanto, sempre se atopa alguén que desculpa estas actitudes co típico «non é para tanto». De feito, ten habido rexedores e concelleiros da Costa da Morte que aparcaban de forma sistemática nas prazas previstas para persoas con diversidade funcional. Unha especie de inadmisible dereito de pernada. O caso é que ao mandatario de A Baña caéronlle onte todo tipo de comentarios. É típico de que unha acción de falta de civismo teña unha repercusión tan grande. Teñen caído políticos por accións esteticamente censurables, pero sen repercusión na xestión dos recursos públicos. Xa dicía Maquiavelo: «Poucos ven o que somos, pero todos ven o que aparentamos». E o político ten que aparentar, polo menos, moito civismo.