A Universidade conmemorou este martes o Día das Letras Galegas
13 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Universidade de Santiago adiantou a conmemoración do Día das Letras Galegas cun acto no que resoou o legado da escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño. A reitora, Rosa Crujeiras, destacou que a autora ocupa «un lugar central da cultura galega contemporánea» non só polo que escribiu, «senón polo modo ético e consciente no que exerceu a palabra».
No Colexio de Fonseca quedaron patentes as múltiples facianas de Caamaño. Partindo das propias palabras da autora homenaxeada —«lendo son todas as Begoñas posibles, lendo son máis Begoña»—, a profesora de Filoloxía María Xesús Nogueira foi desenleando todas esas «Begoñas posibles», desde a xornalista ata a súa preocupación polo feminismo. Precisamente, Nogueira encargouse da edición do volume colectivo co que a Universidade conmemora esta edición das Letras, «Begoña Caamaño: mudar o mundo». Na homenaxe tamén houbo unha lectura dramatizada de «Morgana en Esmelle».