Concertos, cine, un roteiro e charlas achegarán o patrimonio organístico de Santiago

La Voz

SANTIAGO

Belén Bermejo, Míriam Louza e David Fiuza, este mércores na presentación do ciclo no pazo de Raxoi
Belén Bermejo, Míriam Louza e David Fiuza, este mércores na presentación do ciclo no pazo de Raxoi .

O ciclo De Lugares e Órganos celebra unha nova edición do 28 de marzo ao 5 de abril

19 mar 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

O ciclo De Lugares e Órganos regresa a Santiago entre o 28 de marzo e o 5 de abril con concertos, cine e charlas para achegar o patrimonio organístico da cidade, que despois de once edicións, «é cada vez menos descoñecido e máis valorado», apuntou a directora artística da iniciativa, Belén Bermejo, que presentou a programación xunto á concelleira de Capitalidade Cultural, Míriam Louzao, e ao director da Banda Municipal de Música de Santiago, David Fiuza.

De abrir esta edición encargarase, precisamente, a Banda Municipal cun concerto o sábado 28 na igrexa de San Domingos de Bonaval (20 horas). Unha proposta que permitirá «evidenciar as afinidades entre a banda e o órgano: dous instrumentos de vento, con rexistros tímbricos moi ricos, capaces de dialogar e ofrecer unha gran variedade sonora», apuntou Fiuza, que agradeceu o convite para participar nesta edición. A formación interpretará obras inspiradas no universo organístico, con música de Bach, Vaughan Williams, Julio Gómez e Sparke, entre outros.

O organista e clavecinista Eliot Xaquín Dios e a violinista Rahel Boell tomarán o relevo o domingo 29, na igrexa de San Paio de Antealtares (20.30 horas) co concerto «Melodías en busca dun autor». As actuacións continuarán o día 1 na igrexa de San Miguel dos Agros (20 horas) co Ensemble Cantillo, que presentará «Nel labirinti degli affetti». Xa o venres, día 3, na Igrexa da Universidade (20 horas), chegará un dos momentos destacados co concerto «Dic Novis Spiritus». Nel presentarase a reestrea de «A verba», obra participativa do compositor Javier María López. O peche será o domingo 5, no convento do Carme (20 horas), co ensemble Ars Atlántica, dirixido polo arpista Manuel Vilas.

A estes concertos hai que engadirlles o luns 30 unha proxección de cine en Numax; un itinerario musical polos órganos que hai fóra do casco histórico (martes 31) e unha conversa con Manuel Vilas o sábado 4. As entradas para os concertos e actividades pódense retirar a partir do martes ás 11 horas na Zona C. A única excepción é a actividade en Numax. A concelleira lembrou que este ciclo ten como obxectivo «activar o patrimonio, facelo vivir no presente e compartilo coa cidadanía».