Olga Novo leu o manifesto do Día da Poesía no balcón do Principal. Hoxe participarán nun recital Pol Guasch, Miren Agur Meabe, Xabier Cordal, Raquel Patriarca e Ana Rossetti
19 mar 2026 . Actualizado a las 04:50 h.A memoria é a protagonista do festival poético Alguén que Respira!, que onte abriu nova edición en Santiago. A escritora Olga Novo foi a encargada de ler o manifesto do Día da Poesía no que, precisamente, aludiu á memoria como forza motriz. Así, reivindicou, entre outras, «a memoria da xustiza, contra a iniquidade. A memoria da utopía, contra o poder».
Hoxe, Olga Novo volverá para participar nunha intervención escénica xunto ao historiador e arqueólogo Xurxo Ayán sobre a poesía vinculada á guerra de España. Os convites están esgotados. Despois, ás 20.30 horas, será a quenda dun recital que reúne as voces das distintas linguas ibéricas da man de Pol Guasch, Miren Agur Meabe, Xabier Cordal, Raquel Patriarca e Ana Rossetti. Onte aínda quedaban convites.