USC e Concello comprométense coa loita por acadar a igualdade

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Sandra Alonso

Raxoi otorgou oito recoñecementos a mulleres polo 8M

10 mar 2026 . Actualizado a las 08:24 h.

A Universidade de Santiago sumouse á conmemoración do Día Internacional das Mulleres cun acto institucional no Salón Nobre de Fonseca, no que reafirmou o seu compromiso coa igualdade de xénero e a construción dunha comunidade universitaria libre de discriminacións e violencias. A celebración incluíu a lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, ao que se sumou a institución. Durante o acto, presidido polo reitor, a delegada para a Igualdade da USC, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, leu o manifesto, no que se subliña que a igualdade «non é un obxectivo abstracto nin un logro consolidado, senón unha tarefa permanente que require garantías xurídicas, vontade política e acción institucional sostida». A USC recoñeceu o labor do Arquivo Histórico Universitario pola súa contribución á promoción da igualdade de xénero dentro da institución. O galardón foi recollido pola súa directora, Desirée Domínguez Pallas, quen pronunciou a conferencia «O fío invisible: tecendo a igualdade a través dos arquivos». O reitor, Antonio López, salientou que o traballo do Arquivo Histórico contribúe a avanzar cara a unha universidade máis feminista e apelou á responsabilidade das institucións académicas para transmitir ao estudantado valores que permitan construír unha sociedade máis igualitaria.

Por outra banda, As Fillas Bravas de Momán —Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza González—, a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a economista María Loureiro, a comerciante Luisa Ríos, a inspectora principal da Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, foron as galardoadas nos premios Mulleres de Compostela 2026, entregados este luns no Teatro Principal. O acto, organizado polo Concello de Santiago, forma parte da programación do 8M e serviu para recoñecer a traxectoria profesional e o compromiso social destas dez mulleres en diferentes ámbitos da vida pública.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, destacou a importancia de «nomear, visibilizar e coñecer» o papel das mulleres na sociedade. No seu discurso lembrou tamén ás mulleres da súa propia familia, ás que atribuíu características comúns coas que, segundo sinalou, se pode identificar ás premiadas. A rexedora subliñou ademais que a sociedade evoluciona cara a maiores cotas de igualdade, aínda que considerou necesario seguir avanzando para consolidar ese camiño nas vindeiras xeracións.