A gran acollida en Santiago da XX Campaña de Animación á Lectura: «Había moita fame dela e notamos o entusiasmo de profesores e rapaces»
SANTIAGO
A iniciativa, organizada polo Concello, en colaboración con Kalandraka e Afundación, encara a súa recta final na Casa Grande do Pozo da Rúa do Vilar. Recuperada sete anos despois da pandemia, recorre, entre obradoiros, contos e música, os sete últimos libros premiados co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Na campaña xa tomaron parte 2.855 persoas
05 mar 2026 . Actualizado a las 11:48 h.Ata o vindeiro 12 de marzo os composteláns aínda poden visitar na sede que a Afundación ten na Rúa do Vilar, no edificio coñecido como a Casa Grande do Pozo, a exposición ligada á XX Campaña de Animación á Lectura. Una iniciativa, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración con Kalandraka e a Afundación, que se recuperou sete anos despois —no 2020 xa non deu tempo a celebrala—, despois dunha paréntese iniciada na pandemia, e na que se expoñen, e se percorren, os sete últimos libros premiados co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.
A campaña, que nesta edición ten por lema Ler para crecer, inclúe tanto obradoiros e sesións de contacontos e música para colexios, guiados polo narrador, e tamén músico, Paco Nogueiras como unha exposición sobre eses sete últimos libros galardoados. Unha mostra que pode visitarse —fóra do horario reservado a centros escolares e actividades concertadas— de luns a sábado de 13.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas.
«En Santiago, entre a comunidade educativa, sabemos que había moita fame da campaña. En cada visita escolar notamos o entusiasmo dos rapaces e dos profesores. Estes dinnos que a botaban moito de menos», agradecen con ilusión desde a editorial galega. «Ata o 2019 a campaña tiña unha periodicidade anual. Cada temporada os nenos volvían e revisitaban un espazo que xa lles era familiar... Esta é unha experiencia que lles gusta e que amplifica á lectora; esperta a súa imaxinación. A campaña, coas ilustracións ou os elementos tridimensionais expostos, permítelles saborear os contos doutras maneira», razoan, poñendo tamén en valor que nesta nova etapa a exposición teña como sede a Casa Grande do Pozo. «Aos nenos, nada máis entrar se lles introduce na historia deste inmoble que no seu interior ten un dos pozos que alimentaban na Idade Media ás fontes públicas da cidade. Tamén se lles aclara que nela vivía Domingo Fontán. Logo, e xa xunto ao músico Paco Nogueiras, os nenos fan a visita, que se prolonga por dúas plantas. Van encantados ás actividades. Moitos resaltan que o están gozando», sosteñen desde o selo galego.
«Na primeira planta lémbranse seis dos sete libros premiados. De cada volume destácase un elemento que atrae a atención dos nenos. De O can de Milu, da húngara Mariann Máray, ademais das súas imaxes de estética naíf e colorido intenso, incluíuse unha reprodución grande do can. Do libro silente Dende 1880, do italiano Pietro Gottuso, e xunto ás ilustracións orixinais, rescátase, a tamaño grande, a porta que daba acceso á libraría. Na Selva da catalá Marina Gibert o público pode apreciar, nunha instalación artística, o xogo de perspectivas no que se basea este libro visual que atrapa pola súa riqueza cromática. Canda as ilustracións da peruana Fabiola Anchorena para Esperando o amencer proxéctase o booktrailer desta obra distinguida no ano 2022. Outras dúas ilustradoras catalás, Anna Font e Maria Girón, súmanse á exposición con senllos traballos nos que destaca o protagonismo da cor.... No caso do de A visita, resalta o trazo sinxelo co que se resolve a representación de algo tan intanxible como o silencio. Os nenos abren unha porta situada xunto ao chan e alí atopan ao raposo do libro», relatan desde Kalandraka. «A expresividade dos personaxes, a variedade de planos e o dominio do espazo formando unha secuencia de estilo cinematográfico son as principais cualidades das ilustracións de Bim Bam Bum. Un libro do que se reproduce a gran escala coa súa característica bicicleta», engaden.
«A planta de arriba adícase en exclusiva a Grande e pequena, o último libro premiado. Un álbum que aborda o paso do tempo e a partir do cal, no marco da exposición, os nenos poden meterse na casiña de Natalia», sinalan.
«Estamos moi ledos ao ver a gran acollida que tivo a campaña e a mostra na cidade», subliñan, aclarando que a exposición seguirá aberta ata o 12 de marzo. Este sábado 7 de marzo ás 12.00 horas terá lugar outro dos broches finais da iniciativa: unha sesión inclusiva de contos coa colaboración de intérpretes de lingua de signos.
Na campaña participaron 2.855 persoas.
Desde o Concello de Santiago, impulsor da iniciativa, amosan a súa satisfacción polo gran eco que xa tivo a campaña. Lembran que nas sesións formativas previas xa participaran 174 profesores/as. Desde o seu inicio, tanto nas sesión de contacontos como nas visitas guiadas á exposión ou os obradoiros de ilustración e de escrita creativa, tomaron parte 2.261 escolares, acompañados de 110 profesores. Nos cinco sábados que houbo sesión para familias, o cómputo sumou 310 persoas.
A campaña naceu no 2001 coa idea de achegar a lectura, a ilustración e a escritura aos nenos, nun marco motivador que favorecese a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, fomentando que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tamén presta atención á tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.
Aínda que a maior parte da programación está dirixida ao ámbito escolar, pretende a normalización, a utilización e promoción da lingua galega entre a cidadanía. As diferentes propostas que se desenvolven nesta campaña impulsan a lectura en galego como un dos elementos básicos na formación integral de calquera persoa en aspectos como a información, a comunicación e o ocio.