A colonización a través da lingua

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago
Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago Sandra Alonso

A Escola Oficial de Idiomas analiza nunha mostra distintos casos de dominación

19 feb 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

«Sosteño que somos a mellor raza do mundo e, canto máis mundo habitemos, mellor será a raza humana», afirmaba un magnate británico da minería en 1877. «As razas superiores teñen un dereito fronte ás razas inferiores», dicía en 1885 un político na Cámara dos Deputados de Francia. Estas e outras citas forman parte da exposición «7 linguas, 7 colonialismos» que de luns a venres ata o 6 de marzo pode visitarse na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de 9 a 20.30 horas. Unha proposta na que o centro vincula as linguas aos aspectos socioculturais. «Sempre os temos en conta», afirmou o director do centro, Gonzalo Constenla. Nesta ocasión, a ligazón é co colonialismo, «que agora está tan en voga».

A mostra analiza a través de distintos paneis casos de colonialismo tomando como punto de partida as linguas que se estudan no centro. Deste xeito, inclúense Alemaña, España, Francia, Reino Unido, Italia e Portugal. A isto hai que engadirlle, nun último panel, a situación de Palestina. En cada un deles, aparecen catro citacións históricas a favor da dominación e un caso concreto de colonialismo, así como unha imaxe e un mapa. Por exemplo, ligado a España analízase o caso do Sáhara; no do Reino Unido, o de Australia; no de Francia, Arxelia; no de Alemaña, Namibia; no de Italia, Etiopía; e no de Portugal, Angola. «En todas as citas dos colonizadores, obsérvase a deshumanización. Sempre falan de razas inferiores», detallou Constenla nunha entrevista no programa «Voces de Compostela» de Radio Voz, que presenta Alberto González.

A exposición consta dunha introdución en galego redactada polo historiador da Universidade da Coruña Carlos Velasco. O resto de paneis figuran na lingua de cada un dos casos analizados. A través dun código QR, as persoas poderán acceder a unha audiodescrición e tradución en galego.

A actividade tamén busca chegar ao resto da sociedade. «Queremos facer cidade a través da Escola», resaltou Constenla. No caso desta mostra, lembrou que a lingua traslada o pensamento e idiosincrasia dunha sociedade. «A lingua non se pode illar do seu contexto», engadiu. En «7 linguas, 7 colonialismos» pode apreciarse como coa dominación das distintas potencias «non se trata só de territorios, senón de culturas, linguas e formas de vida que son transformadas ou mesmo reprimidas».