Diana Fajardo: «O caso dunha muller con cancro, á que lle reduciron un peito san por estética e tivo problemas coa lactancia, deu pé a toda unha mostra»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

SANTIAGO

Una de las fotografías de la muestra «Virando o rosa», en Fonseca
Una de las fotografías de la muestra «Virando o rosa», en Fonseca Sandra Alonso

Esta mañá inaugurouse no Claustro Alto de Fonseca a exposición fotográfica «Virando o rosa», na que se dá voz, en primeira persoa, a 13 mulleres con cáncer de mama

16 feb 2026 . Actualizado a las 14:06 h.

«Este non é un traballo fotográfico sobre o cancro de mama; o cancro é só un tema polo que comenzar, un fío do que tirar e expoñer as distintas vivencias», reflexiona Diana Fajardo, a fotógrafa documentalista que está detrás da exposición Virando o rosa, que esta mañá se inaugurou no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. A mostra, de 13 historias —con 23 fotografías expostas—, forma parte dun proxecto que inclúe tamén un libro, co mesmo número de historias, e no que se comparten un total de 40 imaxes. Na mostra dáse voz, en primeira persona, a mulleres con cáncer de mama, rompendo estereotipos e xerando espazos de diálogo desde unha perspectiva feminista.

«O nome de Virando o rosa é porque a mensaxe pública que se ofrece sobre a enfermidade tamén é significativa. Alén da retórica bélica das loitadoras e guerreiras que acompañan o cancro en xeral, o de mama é rosa. Téntase asociar á beleza e delicadeza que, na realidade, nada teñen que ver con estes procesos. Como se as doenzas das mulleres non puidesen ser só iso, doenzas, e tratarse como tal», reflexiona a fotógrafa insistindo na idea de trasladar que «non todo é de cor de rosa».

Sandra Alonso

«O traballo comenceino a partir do caso cero dunha amiga que, hai máis de dez anos, padeceu un cancro de mama. Tras unha mastectomía, a ela reconstruíronlle a mama cun implante. Para igualalo co outro, reducíronlle un pouco o peito san. Era unha cuestión estética. Cando ela, anos despois, e aos seus 35, foi nai atopouse con que non podía dar lactancia exclusiva [só con leite materna] ao seu bebé porque ao reducírenlle ese peito, se cortan uns condutos e iso fai que non se produza tanto leite. No seu caso, ninguén llo advertira antes. Ao final puido facer lactancia mixta [combinar leite materna e de fórmula]. Pero a rabia que tiña, sobre todo por ser unha carga estética o que llo impediu, activoume a buscar máis casos e a facer a mostra», explica Diana, afondando na variedade de casuísticas e idades que agochan as trece historias expostas.

Sandra Alonso

«As imaxes reflicten tanto a mulleres novas como dunha idade; hai desnudos; hai mulleres ás que operaron e a outras non… Neste proxecto hai diagnoses tardías porque se malinterpretou o cansazo dalgunha paciente. A algunha tardáronlle seis meses en dar o resultado», lamenta Diana, engadindo que «o proxecto xorde desde a observación da indefensión estrutural das mulleres». «Moitas viven con dor», recalca a fotógrafa, cuxo traballo foi galardoado no VII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña

A mostra inaugurada este luns pódese contemplar en Fonseca ata o 4 de marzo, nun horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Trátase dun novo gran proxecto documental da fotógrafa, que, no 2022, saltou tamén aos medios ao gravar no Chuac, e coa autorización do persoal sanitario do Sergas, un parto que é o que agora mesmo se pode contemplar na Domus de A Coruña.