Maite Flores, candidata a reitora: «A USC ten que ser unha referencia, non podemos estar sufrindo por sobrevivir»
SANTIAGO
A catedrática aboga por colocar a investigación no centro e defende a necesidade dunha auditoría interna
25 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Doutora en Física e catedrática de Óptica, Maite Flores Arias (Santiago, 1975) abre as portas da súa facultade para defender o proxecto que quere implantar na USC se sae elixida reitora.
—Cal será a súa primeira medida?
—Hai que mudar a universidade que temos, cun modelo xerencial moi centralizado que non está funcionando. O primeiro sería facer ese cambio e intentar que, nos primeiros 100 días, se vexan cambios. Nada máis chegar deberemos levar a cabo unha auditoría interna para coñecer a situación da que partimos e ser claros coa comunidade universitaria para que saiban o que temos.
—Cara onde ten que ir a USC?
—Ten que anticiparse e dar respostas á sociedade, debe ser activa, contar cunha planificación o suficientemente boa para avanzar e poder adiantarse aos cambios sociais. A USC ten que ser unha referencia, non podemos estar sufrindo por sobrevivir. A sociedade debe ver que somos o motor do país. Contamos co substrato suficiente: contamos con máis de 500 anos de vida e un nome máis que recoñecido. Se miramos dentro de dez anos temos que estar orgullosos de que os nosos fillos estuden na USC.
—Por que deu o paso a presentarse a reitora?
—Moita xente que traballa comigo pediume que dera o paso. Será que confían no meu labor, no meu traballo e na miña responsabilidade institucional. Formeime na USC, estiven fóra despois de doutorarme e volvín. A Universidade de Santiago deumo todo. Agora quero devolverllo e facer que medre.
—Que diagnóstico fai da situación actual da entidade?
—Temos cousas que non están funcionando. Hai perda de diálogo e de confianza no persoal. Despois, existen problemas de vivenda, de titulacións, de formación, de saúde mental... Cando falamos da universidade como institución esquecémonos de que é a unha suma de persoas. Cada un de nós somos os que construímos a USC. Toca traballar para solucionar iso e que sexa unha entidade da que sentirnos orgullosos. Recuperar o sentido de pertenza e a ilusión por traballar.
—Como facer fronte ao relevo xeracional?
—O envellecemento é un problema que acompaña a toda a sociedade, polo que a planificación estratéxica é fundamental. Como universidade captamos moito talento e ás veces aparcámolo. Iso non se pode permitir. Se temos talento, temos que mantelo. Costa moito chegar a bos números e boas posicións nos ránkings, pero se non planificamos ben caemos no risco de caer neles rapidamente. Non só no PDI, tamén no PTXAS. Hai xente con gran valía que se vai xubilar e non hai nada previsto para que non se perda ese valor.
—A demografía ameaza tamén á matriculación.
—A demografía é un problema que compartimos moitas Administracións, pero este curso 25-26 aumentamos os estudantes, estamos preto dos 26.000, resultan case 3.500 máis que o ano anterior. Non é un problema que esteamos sufrindo, pero é evidente que debemos traballar en ofertar títulos e formación de calidade, que os que queiran estudar o fagan na nosa universidade.
—No eido das infraestruturas que ten en mente?
—Unha infraestrutura que está viva é un valor, mentres que unha morta é un lastre. Neste momento temos moitas mortas. O colexio de San Clemente está pechado, a pesar do problema da vivenda. Somos unha cidade de patrimonio histórico e o noso patrimonio repercute directamente no beneficio da cidade e iso temos que facelo saber. Gustaríame facer mención ao auditorio, que temos pechado. Gárdolle moito cariño. Data do 1906 e conta cunha capacidade dunhas 600 butacas. Teño un compromiso pechado de financiamento para poder reabrilo. Paréceme un valor a aproveitar.
—A investigación sobresae pola súa capacidade para reter talento e tamén para captar fondos.
—Tanto para min como reitora como para o meu equipo é un piar fundamental. A vantaxe que temos sobre a ameaza da universidade privada é a investigación. Nós como goberno temos que acompañar e axudar. Priorizar a quen quere investigar. Formamos persoal e formar é ter parte de docencia e parte de investigación. Repercute directamente na docencia, en formar mellores estudantes e en xerar talento. Temos que ser activos na captación de talento, axudar a mantelo entre un contrato e outro. Iso vai na dirección do relevo xeracional. Tamén é importante que a xente que se xubila e que ten un impacto marcado na universidade, debemos ser quen de crear figuras que nos permitan mantelos mentres queiran seguir producindo. Hai xente que se xubila que é moi activa e que ten un nome internacionalmente moi coñecido.
—Espérase unha época convulsa polo fin dos fondos europeos.
—Primeiro habería que ver se foron totalmente ben usados. Hai moitos casos nos que tivemos a oportunidade de empregalos e non se fixo. Aínda que esta convocatoria remate, haberá outras formas de reclamar e reclamar fondos. Temos que traballar conxuntamente para ser quen de convencer aos gobernos de que a investigación é o noso gran poder, a nosa ferramenta. Temos que negociar para contar con fondos para atraer e manter aos mellores.
—Cre no futuro da universidade pública en España?
—Se non tivésemos universidade pública, moita da xente que agora ocupa posicións de investigador, profesor, ou outras importantes en entidades públicas e privadas, non terían esa oportunidade. É a nosa razón de ser. Non somos unha academia. A privada ten moito camiño por percorrer para alcanzar á pública, pero non nos podemos durmir. Temos que activarnos e anticiparnos.
—Ve un futuro con tres facultades de Medicina?
—Se temos responsabilidade social e económica non podemos ter tres facultades. O convenio leva cláusulas que son imposibles de cumprir e non se pode acometer todo o que aí pon en dous anos. Nós temos que liderar a descentralización. Non podemos repetir erros do pasado, como xa vimos cos aeroportos.
—O reitor decidiu cesala como a súa representante na CIUG. Que opina dese episodio?
—Alégrome de que me fagas esta pregunta. É algo que me pareceu incomprensible. A decisión non responde nin a un incumprimento nin a unha incompatibilidade. Eu puxen o meu cargo a dispor do reitor por dúas veces, a última o ano pasado. Iso amosa que non me quería aferrar a ningún cargo con fins electorais. A miña conciencia está moi tranquila. Ao mellor outros non poderían dicir o mesmo. En canto á decisión da comisión electoral, chámalle canle oficial a un grupo de WhatsApp feito polos estudantes, ao que me pediron incluírme. Queda en entredito o que é unha canle oficial. Isto está claramente dirixido porque lle molesto a alguén. Nunca vin que unha comisión electoral que non dese audiencia a quen se denuncia.
En curto
Unha película: A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, por esa relación que amosa entre mestre e alumno.
Unha canción: The sound of silence, de Simon & Garfunkel. É moi tranquila, pero ten moito contido.
Un lugar: As praias da Illa de Arousa, en particular a de Lameira. Gústame estar sempre ao lado do mar, transmíteme tranquilidade. Ás veces collo a canoa e paseo pola ría.
Que é o máis importante na vida? É ser sempre unha mesma, pero sen perder de vista aos demais. Sempre coidando aos outros.
Un desexo: Que todos traballemos na mesma liña. Soa moi típico, pero tamén a paz. Vivimos unha situación que responde a intereses persoais e a abusos de poder.
Unha comida: O polbo á feira, aínda que non se coma nun día de festa.
Unha referente: Marie Curie, unha das primeiras en poñer en valor que a muller tamén pode ser científica.
Unha afección: O deporte. Agora, o pádel. É saúde, física e mental. Gústame compartir cos demais e facer equipo.
Un superpoder: Que ninguén tivese superpoderes, que fósemos iguais, porque a día de hoxe hai quen os ten. Na universidade estámolo sufrindo.