O grupo de teatro MiMarte representará «Non estamos tolas»
24 ene 2026 . Actualizado a las 04:50 h.19 horas • Auditorio de Galicia • 10 euros (Tamén Fila 0) • O grupo teatral MiMarte recalará esta tarde en Santiago para representar o musical «Non estamos tolas» a beneficio de Agadea. Este «cabaré de aldea», tal e como o define a directora da peza, Tania Fuegho, sempre se representou con fins benéficos e, nesta ocasión, colaborarán co colectivo que busca mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e as súas familias. «A nós o teatro musical coidounos e, con esta actuación, nós tamén queremos coidar aos coidadores que atenden aos enfermos de alzhéimer para que veñan á representación e desconecten», afirmou a autora. MiMarte non é un grupo teatral máis, senón que naceu en Ribeira nun espazo creativo e das artes escénicas. «O alumnado é amateur. Son xente que na súa vida ten oficios que non están relacionados co mundo das artes, pero que de pequenos soñaron con ser artistas. Agora de adultos volveron a reconciliarse con ese soño», destaca Tania Fuegho. Entre os trece intérpretes hai unha mestra, unha azafata de voo, unha traballadora social, unha estudante, traballadoras da conserva, unha perruqueira... A máis nova ten 16 anos, pero o resto superan os trinta. «Aínda que non o son, a xente sempre sae coa idea de que se trata de profesionais», engade a directora e artista. Bailan, interpretan e cantan adaptacións de temas de Abba, Queen e Rigoberta Bandini, entre outros.
A trama da peza xira en torno a desaparición de Eligio e a peculiar investigación que emprenden as veciñas dunha aldea galega. «É un pouco reflexo dese matriarcado machista», detalla Tania Fuegho, quen se dera a coñecer como cantante. Que a levou a esta nova faceta? «Eu sempre fun unha artista multidisciplinar. A min o que máis me gustaba era comunicarme a través da música, pero a pandemia cambioume a percepción do que é o mundo artista. Entón, entendo que hai moita xente á que achegarlle a arte e á que sempre lle dixeron: non, non, non», responde. Para que ese non se convertese en si creou MiMarte. Despois de empezar en Ribeira, hai dous anos chegou a Salgueiriños, en Santiago, onde os mércores pola tarde conta con dous grupos. «Recompensa ver gozar», di.