Desde hoxe ata o 6 de marzo estará aberto o prazo de inscrición no concurso de vídeos
13 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Desde hoxe ata o 6 de marzo estará aberto o prazo de inscrición no certame de regueifas en vídeo do Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo, centrado na divulgación e posta en valor da improvisación oral en verso en lingua galega.
Para participar é preciso enviar un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando sobre un tema libre. A inscripción deberá realizarse a través da web do proxecto, www.enregueifate.gal, onde tamén poden consultarse as bases completas do certame.
Baixo o lema «Versos doutro universo», a novena edición do certame contará novamente con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa interesada, e outra escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Como en edicións anteriores, en cada categoría outorgaranse oito regueipremios, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios terá lugar o 16 de abril, no Teatro Principal de Pontevedra.
A participación no certame foi promovida entre a mocidade a través das actividades formativas desenvolvidas nos centros educativos polos formadores do Enreguéifate: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo