A montaxe poderá verse desde este venres ao domingo no Salón Teatro
04 dic 2025 . Actualizado a las 04:50 h.Días 5, 6 e 7 de decembro • 18 horas • Salón Teatro • 10 euros • A montaxe «Berenguela na gaiola» achegará desde mañá ata o domingo o universo de Manuel María ao Salón Teatro cunha mestura de humor, imaxinación e revindicación das persoas maiores. Trátase dunha coprodución entre o Centro Dramático Galego (CDG), Galeatro, Xarope Tulú e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) que pon en escena unha peza escrita e dirixida por Paula Carballeira, autora que obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática.
O elenco formado por Alba Bermúdez, Atenea García e Tone Martínez é o encargado de dar vida ás personaxes desta peza que se alzou co Premio Manuel María de Proxectos Teatrais 2024. Nela cóntase a historia de Berenguela, unha muller que vive nunha residencia da terceira idade e que desexa volver á sú casa da aldea. Alí coñece a Aurora, unha muller de imaxinación desbordante, e a Tomás, que sempre está calado e pensativo. Neste contexto, Berenguela propón unha revolta para se volveren «salvaxes e perigosas», pero Aurora suxire utilizar o teatro para facer aquilo que non lles deixan levar a cabo na realidade: ser libres e cambiar o mundo. Os tres anciáns escollen representar a obra de Manuel María «Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela».
Deste xeito, este espectáculo estreado o pasado setembro reivindica, con humor e tenrura, o dereito a existir con dignidade en todas as etapas da vida, recoñecendo o teatro como unha ferramenta de rebelión, imaxinación e dignificación das persoas maiores.
As entradas están á venda a través da plataforma Ataquilla, así como no despacho do Salón Teatro desde dúas horas antes do inicio de cada unha das funcións.