Romarís na nosa lembranza

X. Amancio Liñares Giraut

SANTIAGO

FORXAN

Artigo de X. Amancio Liñares Giraut ante o falecemento do sindicalista agrario negreirés Xosé Antonio Romarís

20 nov 2025 . Actualizado a las 19:35 h.

Deixounos o amigo Romarís, o benemérito Xosé Antonio Romarís Pereira (Liñaio - Negreira, 1954-2025). Vaia!: roubóunolo a morte no mes do san Martiño, entre a data da celebración do patrón da súa parroquia -11 de novembro- e o vindeiro día 29, cando a asociación veciñal de Liñaio volve xuntarse no xantar de confraternidade na escola centenaria erguida pola sociedade local La Moderna de Barcala. Alí estaría Romarís. E na Habana andáramos el e mais eu, buscando as raíces emigrantes da súa veciñanza en Cuba e o afán de melloras para a terra matricial.

No san Martiño temos celebrado comidas festeiras na túa casa familiar, en Trece de Liñaio, na compaña de amizades, de túa nai Rosa, de teu pai Perfecto, sempre convidados por ti. Porque a xenerosidade como concepto fondo e práctica cotiá foi en ti trazo vital. Tamén a túa achega a actividades moi variadas, nas que decote partillamos aventuras diversas: os campamentos do Val de Barcala, a cultural Afonso Eanes, as reunións políticas, o mundo rural, o cooperativismo e o galeguismo, o teatro, a música, as lecturas, as viaxes... Mais ti superáchesme en afeccións e compromisos: fuches moi entroideiro, vitalista, argalleiro, concelleiro de UG e EG, sindicalista agrario, dos Cabaleiros de Negreira, asociado a Feiraco e a Alcer, impulsor do fútbol en Fonteveiro, do Teleclub de Liñaio. E mesmo agora, estudante de solfexo e gaita, bombo folclórico e membro do coro parroquial liñaieiro. Compromiso sociocultural a tope. Teño dito contigo nos mitins, que ademais do teu devezo por ler e aprender de todo (cociña incluída!), portabas un bacharelato moi ben aproveitado e unha atinada capacidade de análise do mundo toleirón que nos tocou vivir. Ás veces temos discrepado en opcións e lerias, pero unha relación fraternal entre nós puido sempre pórse por riba.

Co seu Liñaio por diante, a defensa do medio rural e do nacionalismo galego foron tres piares rexos do seu ser. Co seu pasamento, centos de mensaxes de agarimo e solidariedade encheron as redes sociais e mais as honras fúnebres. Xentes da comarca cunha miscelánea de crenzas e militancias, dun amplo abano, amosaron os seus sentimentos arroupando a vida e a memoria do Romarís, un home bencaro e respectado.

O Ardeiro agárdate no alén para unhas paroladas. Na mañá deste mércores 19 envieiche un guasá que xa non me respondiches. Ese WhatsApp no que o amigo Romarís mantén aínda a foto de perfil coa bandeira galega estrelada e a frase lapidaria Viva Galiza Ceibe! Q. E. P. D.