Bombino, Sara Curruchich e A Pedreira protagonizarán parte dos concertos da xornada
26 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.O festival Maré multiplica as propostas neste venres cunha decena de actuacións marcadas polo achegamento a outras culturas, que permitirán trasladarse desde os sons tuaregs aos maias sen esquecer as raíces galegas. Ademais, tomará a praza de Mazarelos.
O dúo formado pola cantautora Judit Neddermann e o guitarrista Pau Figueres (18 horas, Igrexa da Universidade, 10 euros) protagonizará o primeiro dos concertos. Máis tarde chegará o folclore de Murcia da man do dúo Maestro Espada (19.30 horas, Principal, 18 euros), así como o trío afro-brasileiro Trinka (20.30 horas, CSC Maruxa e Coralia, de balde).
A cantautora maia kaqchikel de Guatemala Sara Curruchich abrirá as actuacións na praza de Mazarelos ás 21.15 horas. Tomará o relevo sobre o escenario a música galega da man de A Pedreira (22.45 horas). O peche será co británico El Búho (00.15 horas).
Nesta xornada, un dos grandes referentes será o guitarrista tuareg orixinario de Níxer Bombino, coñecido como a estrela do «desert blues» (21.30 horas, Capitol, 20 euros). Pola súa parte, a música de Pablo Und Destruktion soará en Riquela (22 horas, 10 euros). Para finalizar, Dulzaro sumará un segundo concerto na Casa das Crechas ás 18.30 horas despois de esgotar as entradas para o pase inicialmente previsto ás 22.30 horas.