Laia Cagide, número 1 de Psiquiatría Infanto-Xuvenil de España: «Para min é moi importante aportar á miña comunidade e á sociedade galega»
SANTIAGO
Cre que a mellor nota é a que che permite formarte no que che apaixona
29 jun 2025 . Actualizado a las 20:42 h.A Laia Cagide González (Ames, 1994) asómalle un sorriso e un intenso brillo nos seus ollos cando di unha palabra quizais demasiado esquecida nos tempos que corren: comunidade. Ese foi un dos grandes motivos que a levou a repetir o exame mir cando acababa de rematar a residencia en Medicina de Familia. Mentres percorría centros de saúde, entendeu que o seu camiño si estaba ao carón dos seus pacientes, pero necesitaba velos con outros ollos. Entendeu que debía preparar de novo a quimérica proba. As dúbidas, o esforzo e as noites en vela mereceron a pena. Hoxe descobre as incógnitas da psiquiatría infanto-xuvenil, disciplina na que acadou a mellor nota de España. O CHUS será a súa casa, como mínimo, durante os próximos cinco anos.
—O seu camiño non é o máis común.
—Primeiro fixen Medicina de Familia aquí, rematei no 2023. Antes de escoller esa especialidade sempre sentira interese pola Psiquiatría. Sempre busquei unha especialidade que me tivera preto da comunidade, cerca da xente. Creo que é a parte máis humana da medicina e decidinme por familia. Gustoume moito, aprendín moitísimo, pero durante a especialidade tratamos a moitos pacientes con problemas de saúde mental. Fun dándome conta de que era o que máis me interesaba. Tamén pasamos por Pediatría e gustoume traballar coas familias, vin que a infancia e a adolescencia eran etapas vitais moi bonitas, especiais. Xuntando todo iso entendín que era o que me apetecía facer. Redescubrir esta nova orientación non foi unha decisión fácil, pero decidín repetir o mir.
—Tiña claro tamén o de quedarse en Santiago?
—Son de Ames, é a miña comunidade, para min era importante seguir na comunidade galega. Tamén pregunteille á xente de aquí para que me deran a súa opinión sobre o Servizo de Psiquiatría Infantil. É moi bo, ten unha traxectoria moi longa e conta con profesionais boísimos e con experiencia. Iso foi o que me convenceu para quedar aquí. Integraba o que levaba moitos anos estudando. Interesábame tamén o ámbito rural e pensei que era o mellor para min. Foi inevitable descubrir que o que máis me gustaba era a saúde mental.
—Moitas das persoas que acadan as mellores notas optan polos hospitais das grandes cidades.
—Eu tíñao claro, preguntei tamén por Vigo. Este é o primeiro que ten especialidade de infantil, pero convenceume máis o que me contaron de Santiago. Ao final estou máis preto da zona onde me criei, que para min tamén era algo moi importante.
—Nestas primeiras semanas que atopou?
—De momento estou na consulta de infanto-xuvenil. É o que esperaba. Estou traballando moito coas familias, con nenos, cos adolescentes... A verdade é que estou con moita ilusión. Está sendo unha boa experiencia.
—Mentres se formaba, cal cre que foi o momento no que xurdiu ese cambio?
—Sentía que os problemas de saúde mental estaban moi presentes na sociedade. Daba un pouco igual a idade. Tiña a sensación de que a cuestión medraba e que aínda non se falaba o suficiente disto. A saúde mental estaba moi presente en todos os pacientes. Podías tratar unha insuficiencia cardíaca, que podía haber algo máis detrás. Sentía que estaba preparada dende a atención primaria, pero quería máis da parte da Psiquiatría. Quería aprender máis. Deime conta de que quería máis.
—Cales cre que son os retos da especialidade?
—Creo que hai que falar aínda máis sobre saúde mental. Nos nenos e adolescentes pode ser máis complicado, porque non é o mesmo que interactuar cun adulto. Cun neno tes que falar con toda a súa rede. Na psiquiatría, o psiquiatra é a súa propia ferramenta diagnóstica. Creo que niso hai moito que adestrar, aprender e tamén investigar, que tamén é algo que me gustaría facer.
—E nun futuro vese en Santiago?
—Si, gustaríame quedar aquí. O ambiente é moi bo e trabállase moito en equipo. Persoalmente, para min é moi importante aportar á miña comunidade, á sociedade galega.
«A decisión estaba reflexionada, moi ben informada e xa o tiña clarísimo»
A medicina sempre estivo nos plans de Laia Cagide, aínda que ten difícil precisar o momento no que naceu esa vocación.
—Sempre quixo estudar Medicina?
—Recordo que de pequena xa pensaba en facer Medicina. Non sei o motivo, non sei o que pensaba con dez anos [ri], pero era o que tiña na cabeza. Estudar a carreira foi unha etapa moi bonita, coñecín xente que a día de hoxe é moi importante para min. Aprendín moito. É unha carreira moi bonita.
—Agora comeza unha nova etapa.
—Iso é. Levo pouco tempo e estou con moitas ganas. O tema da saúde mental está en aumento e espérase que a unidade vaia crecendo. Ao final a mellor nota do mir é a que che permite escoller o que queres facer. Depende de cada un, pero para min é aportar a onde che formaron, preto da túa comunidade.
—Como foi o de volver preparar o exame?
—Houbo momentos nos que tiven medo, pero estaba tan motivada a facer isto, tíñao tan claro, que iso axudou tamén. Non foi o mesmo que cando saes da facultade. Ao final vés de estar no hospital cos pacientes, e no exame hai moitas preguntas de casos clínicos. Da outra vez lía as preguntas e tiña que pensar, subliñar. Desta vez lía a pregunta e víñame á cabeza o hospital. Foi duro volver a verse na situación de estudante, tamén porque hai certos conceptos teóricos que quedaban atrás, e telos que repasar todos.
—Esa presión do exame sempre está aí.
—Si, pero facelo de segundas tivo os seus pros e contras. Foi un reto. Pero a decisión estaba reflexionada, moi ben informada e xa o tiña clarísimo. Son dúas especialidades que teñen puntos en común. Ao final tes que falar con persoas, coñecer a súa rede social, á familia... É similar, pero máis centrada en saúde mental, que debería estar na base da pirámide da saúde.