Os díscolos cuestionan a súa saída do PSOE de Santiago antes de que fale a Xustiza

r. m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

«Son vostedes máis de partido que de Santiago», dixo Gonzalo Muíños

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez, ata onte concelleiros socialistas, xa están fóra do grupo municipal do PSOE. Aínda que para esa formación xa non formaban parte das súas siglas dende febreiro, cando a súa executiva federal decidiu expulsar os catro, a efectos municipais seguían sendo membros do seu grupo político. Así foi ata onte, en que se deu conta da súa desvinculación ao pleno, logo de que o secretario do Concello certificase que o procedemento seguido polo PSOE para a súa expulsión foi o correcto e que os catro concelleiros estaban en condicións de pasar á condición de concelleiros non adscritos.

Os xa exedís socialistas non deixaron de amosar o seu malestar, sen embargo, pola celebración do pleno antes de que a Xustiza se teña pronunciado sobre as medidas cautelares solicitadas para evitar a súa saída do grupo municipal, dentro do recurso xudicial interposto pola súa banda contra a expulsión do partido. Para Muíños, con esta sesión podería darse «unha intromisión ou un quebranto da tutela xudicial» e dos dereitos dos edís. Para o exvoceiro do PSOE, «é moi difícil de xustificar ante a cidadanía» o acontecido onte, o que vinculou coa «declaración do secretario provincial do PSOE hai meses de que lle importaba un huevo quedarse sen grupo municipal».

Muíños entrelazou o interese do PSOE de «borrar os nosos nomes» das súas siglas, «ás que servimos anos con absoluta lealdade», coa iniciativa municipal de limitar «o noso mandato representativo», pois o pase a condición de concelleiros non adscritos déixaos fóra de boa parte das entidades, órganos e consellos representativos, polo que lanzou tanto á alcaldesa como ao PSOE: «Son vostedes máis de partido que de Santiago; nós somos máis de Santiago que de partido». Muíños preguntou ao fío sobre que pesa máis na representación da cidadanía, se os partidos ou os representantes electos.

Expulsados de 25 entidades e órganos representativos municipais, o exportavoz socialista preguntouse «en que lugar quedan despois destas decisións as regras da democracia representativa»: «Non supón unha fraude que as decisións que alteran a representación deste concello as tome un órgano do partido en vez dos representantes dos veciños?». «Parece que para ser integrante do Consello de Relacións Veciñais é máis importante ser do PSOE que representante institucional do Concello», proseguiu Muíños en defensa da permanencia dos edís non adscritos na totalidade dos órganos municipais, despois de que a corporación votase a súa permanencia só nas comisión informativas e en varias especiais e permanentes. «Se a acta de concelleiro é individual e o mandato representativo tamén, como pode ser que ese mandato representativo se nos limite a nós os catro porque nos expulsan inxustamente dun partido político?», referiu.

Ningún partido interveu no debate sobre a súa representación nas comisións municipais. Só o fixo novo voceiro socialista, Sindo Guinarte, para indicar que o PSOE está por cumprir as normas e é o que se está a facer». A alcaldesa xustificou que é a normativa.

huevo

Os socialistas quedan cun terzo da representación que lles outorgaron as urnas

Os socialistas quedan agora con só dous concelleiros —Sindo Guinarte e Marta Abal—, o que supón un terzo dos seis que lles outorgaron as urnas. A formación queda nunha posición moi minoritaria, aínda que Goretti Sanmartín precisa dela tanto como dos non adscritos para asegurar a gobernabilidade nas cuestións que dependen do pleno. Sábeno uns e outros. E os non adscritos, que Rosón identificou como «socialistas non adscritos», xa llelo deixaron claro á alcaldesa cando se debateu a modificación da relación de postos de traballo para corrixir varios erros, polos que a propia alcaldesa chegou a pedir desculpas. Mila Castro apuntou que os non adscritos votarían a favor por «responsabilidade», pero lanzou un «aviso a navegantes». «A transixencia tamén ten uns límites e non podemos estar en todos os plenos resolvendo erros de xestión», polo que lles pediu máis rigor. Tamén a socialista Marta Abal cuestionou duramente o rigor co que estaba tramitado ese expediente.

Nova etapa

Empeza unha nova etapa en Raxoi, con catro grupos políticos e catro concelleiros non adscritos que inicialmente parece que funcionarán como grupo, aínda que oficialmente non poidan facelo, co que iso supón na perda de medios para poder enfrontar o seu labor corporativo. Goretti Sanmartín ten que empezar a tomar nota xa da nova situación, aínda que para os non adscritos esta parece aínda unha fase de provisionalidade, mentres agardan, cando menos, pola resolución sobre a petición de medidas cautelares.