Fernando Castro defendeu o martes a súa tese e, por ser doutor, a Universidade rescíndelle o contrato de docente
25 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A sorpresa de Fernando Castro, Fer, cando saíu da presentación da súa tese de doutoramento e quitou o modo avión do seu móbil foi un correo da USC no que se lle comunicaba o seu despido. «España é posiblemente o único país medio avanzado que che premia a defensa da tese despedíndote», ironizou Castro. Segundo explicou, o seu era un contrato predoutoral, que unha vez finalizada a tese rescindía. No lugar de crear un novo contrato, a Universidade devolveu a partida orzamentaria coa que cubría o salario. A súa tese busca crear técnicas estatísticas para comprender as causas dalgunhas enfermidades e, así, axudar á expansión da medicina personalizada. Por investigacións coma esta é polo que lle gustaría ser recordado ao novo doutor, quen fala dunha «desproporción notoria» na percepción social dos feitos que marcan a súa vida: o traballo e o pensamento intelectual; e o ter saído nun programa de televisión como «Pasapalabra». «Teño recibidos máis cartos por unidade de tempo na televisión, efectivamente, moitísimos máis e tamén máis recoñecemento. No sentido de que me paran pola rúa, pero claro, as persoas científicas non son famosas». Con esta explicación conclúe cales son os feitos de «importancia para a sociedade». Con todo, Fernando asegura que «a desproporción podería ser menor». Neste sentido, apunta que as condicións da ciencia en España en certas situacións —nas que se atopa nestes momentos— «son miserables», polo que non descarta volver a algún concurso. Polo momento busca descanso. Os tres últimos meses de preparación da tese foron de «moito estrés», condicionados tamén pola alta «solemnidade e burocracia». «É un pesadelo horrible, pero a tese de doutoramento é moi satisfactoria», resume. Aínda que na súa totalidade estes foran os mellores anos da súa vida ata hoxe, Fer sentiu certas dúbidas nas últimas semanas. Sinala que as condicións noutros países europeos son moitísimo mellores para as investigacións posdoutorais. En España «esa figura é case inexistente». Unha opción sería «comezar a entrar no nivel máis baixo do profesorado universitario, pero cun salario baixo e durante cinco anos», para despois seguir cun proceso «longo e sen garantías». Máis fácil sería ir a outros países como Alemaña, onde Fer xa conta con varias ofertas. Preguntado polo futuro inmediato das súas investigacións contesta: «Pois agora mesmo vou precisar descansar polo menos un mes. Foi moito estrés. Gustaríame, quizais, reorientar o tema a algo distinto, aínda non sei moi ben o que. Igual aproveito para facer algunhas viaxes no próximo par de meses, e visito outros grupos de investigación por Europa».
Premio a Encarna Otero
Encarna Otero Cepeda e a asociación Andar Cos Tempos son as gañadoras do VIII Premio Begoña Caamaño, dedicado á súa acción cultural e compromiso pola igualdade de xénero. O certame, convocado pola Deputación da Coruña, premia a Encarna Otero, historiadora e ex concelleira, na modalidade de «traxectoria» por ser «pioneira en introducir a perspectiva de xénero na administración pública e unha activista a prol do feminismo desde unha perspectiva de país». A Deputación tamén destaca o seu perfil transversal, debido á labor profesional de Encarna Otero «pondo en valor a historia das mulleres galegas». Pola súa banda, a asociación Andar Cos Tempos foi recoñecida «por ser un cambio de paradigma dentro da música tradicional galega cunha perspectiva feminista e non heteronormativa», así como polo «impacto social» dos obradoiros, relatorios ou campañas fóra e dentro de Galicia.
Cursos de Cogami
Un total de 231 persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral participaron no programa de formación da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) no último semestre, das cales un 31 % logrou a inserción laboral. A confederación que preside Anxo Queiruga realizou vinte e oito cursos en toda a comunidade, nos que un 52 % dos participantes foron homes e un 48 % mulleres. As distintas formacións adáptanse ás necesidades de cada persoa, coa fin de capacitalas para o desenvolvemento de determinados traballos. Na comarca de Santiago, acudiron 21 persoas, formadas en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, así como en reciclaxe e tratamento de residuos no marco de economía circular.