Gonzalo Muíños, portavoz do PSOE no Concello de Santiago: «Vai alá un ano e aínda non sabemos do proxecto de cidade da alcaldesa»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

«Non se pode seguir mareando a veciñanza co párking do Clínico», sostén

26 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Muíños (Santiago, 1969) lidera o grupo socialista dende as últimas eleccións, cando a debacle do PSOE nas urnas acabou coas expectativas de Sánchez Bugallo de repetir mandato e deu pé á renovación da dirección da agrupación. Muíños fai balance da xestión de Sanmartín, cuxa investidura prosperou co voto socialista, e afirma que agrupación e grupo municipal están a remar na mesma dirección «para buscar un PSOE máis forte de cara ao seguinte mandato». Entende que a posibilidade de Aitor Bouza, o secretario xeral e número 11 da lista, de poder entrar en Raxoi neste mandato é un debate pechado. «Nós somos a representación institucional, el a do partido. Todos somos necesarios e estamos perfectamente coordinados», di.

—Esa debacle está totalmente dixerida xa?

—Si, dende o minuto un. Os cidadáns puxéronnos na oposición e dende aí vemos que tamén se poden facer cousas, sendo unha oposición construtiva e positiva, non como a que sufrimos nós durante catro anos. A propia voráxine política ponte no día a día.

—E como veu o goberno de Sanmartín neste ano?

—Pois, facendo un balance, o único logro positivo, por así dicilo, é que o Concello ten orzamentos grazas ao PSOE. Iso tradúcese en que puido incrementar a partida para o servizo de axuda no fogar, para comedores, para obras do Next, subvencións... Estamos na oposición, pero estamos a ser decisivos para facer esa serie de cousas e, sobre todo, sumamente responsables. Creo que este goberno está a vivir da inercia do socialista coa continuidade dos nosos proxectos, e estamos vendo unha xestión diaria pobre no día a día. Vemos un abandono nas rúas, esa falta de limpeza que tanto se nos criticaba, un desleixo en parques e xardíns —nós fomos referente aí—. E estamos vendo un goberno con anuncios sen contido e rectificándose, pero, dese proxecto de cidade que tanto nos quixo vender a alcaldesa, vai alá un ano e non sabemos del. Están a vivir das rendas do noso grupo.

—Estarán satisfeitos, entón, de que desenvolvan o seu programa?

—Pois si, polos veciños. Só mencionar que neste ano se inauguraron cinco ou seis parques infantís e é importante dicir de onde veñen, algún incluso está sendo referente a nivel nacional, como o da Alameda. Ou actuacións do POS coas que se van por fin arranxar certas zonas. Todo iso é do traballo anterior e estamos desexando coñecer tamén esa idea de cidade que ten este goberno.

—Vense entrando no goberno no que resta de mandato? A alcaldesa sempre di que a porta está aberta.

—Penso que aí está transmitindo unha debilidade pola súa parte. Nós no que estamos pensando e no pleno de maio, en volver presentar iniciativas propositivas para a cidade, que é onde estamos. Iso o marcarán distintos órganos do partido, non é algo que nos compete agora. Nós estamos a ser construtivos e responsables no lugar en que estamos, pero coido que é unha debilidade pola súa banda estar seguido con ese ofrecemento. Pero, por outro lado, hai que sentirnos recoñecidos de que queiran que entremos. Non debiamos ser tan malos xestores logo.

—Aínda non é firme, pero o acordo para o párking do CHUS parece enfilado. Convénceos?

—De momento é un protocolo. Ata que haxa convenio non haberá nada en firme, pero claro que nos convence que a Xunta faga o aparcamento, porque é o que defendemos dende o minuto un e o que pediamos os tres grupos, tanto CA como BNG e nós naquela moción conxunta. O que non se pode e seguir mareando a veciñanza e canto antes se arranxe, mellor. É o que queren os veciños, solucións.

—O Peleteiro volve tamén á vía da negociación. Que agardan?

—Aquí, ata agora o que houbo foi por parte de CA e BNG uns intereses partidistas cando bloquearon a nosa modificación do PXOM, e agora parece ser que hai que mirar cara adiante, agora si. Tívose unha oportunidade histórica. E agora, de momento, o que hai, como co párking do hospital, son intencións de traballo, e esa manifestación por parte do Goberno de colaborar para que haxa máis vivenda protexida. Aí o que se demostra é ese compromiso de Pedro Sánchez coa cidade, fóra de intereses partidistas e particulares que foi o que sufrimos nós cun bloqueo sistemático.

—CA entende que se houbo unha oportunidade perdida foi a que pactou Martiño Noriega.

—Había bastante diferenza coa nosa, como as aperturas da rúa e, sobre todo, a praza soleada, un tema fundamental. Incluso os propios informes dos técnicos municipais dicían da proposta de CA que tecnicamente si se axustaba esa modificación do plan, pero que non era a proposta máis axeitada. E un dos motivos era o do sol para poder ter vida esa praza.

«Volver crear unha comisión para a auga é facerlle un favor a Compostela Aberta»

Muíños defende as atraccións na Alameda, pero cun control dese espazo que non veu este ano. «Hai que buscar as fórmulas para conciliar o coidado do patrimonio co desfrute dos espazos públicos», di.

—Sosteñen o goberno co apoio aos orzamentos, pero o mandato ten outros retos que precisan respaldo plenario, como a ordenanza das VUT, o Peleteiro o contrato da auga. Onde estará aí o PSOE?

—En ser o máis construtivos, propositivos e co que máis interesa aos intereses de Santiago. Co tema da auga, volver crear unha comisión é facerlle un favor a Compostela Aberta, cando había uns estudos feitos que conclúen que o mellor sistema era o concesional. Con actualizalos abondaba. Con respecto ás VUT, levan un ano falando de sustentabilidade, de turismo, pero non sabemos o que queren facer con elas. O que non se pode é estar con esa incerteza. E cando se é alcaldesa non se pode estar de perfil, chega un momento en que hai que tomar decisións e neste caso toca tomalas.

—Cre que o está, de perfil?

—En certas cuestións si e estamos a pensar se está a quedabén aí. Chega un momento en que dá a impresión de que hai dúas alcaldesas. Na entrega das medallas de honra, por exemplo, houbo dous discursos, da alcaldesa e a tenente de alcaldesa para dicir o mesmo.

—Caerá a Casa da Xuventude?

—Investindo nela podería ter moi bo uso e agardamos que vaia adiante a nosa proposta. Podendo ter un auditorio para 250 persoas no casco histórico é un luxo tiralo.

—Asistirán ao Alba de Compostela se non se cambia a data?

—Levaremos unha moción conxunta co PP ao pleno para que se regularice no Consello de Condecoracións. A alcaldesa aí incumpriu algo que non debeu: non tiña o consenso necesario na xunta de voceiros e tirou para adiante.