Jaione Camborda: «Emocióname que a xente de Santiago sinta como propia a Concha de Oro»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

SANTIAGO

Paco Rodríguez

A directora de cine vasca, gañadora do Festival de Cine de San Sebastián co seu filme «O Corno», afincouse en Galicia hai 13 anos: «Cheguei e atopei un paraíso nesa Compostela cultural, nocturna e un pouco 'gamberra'»

12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sostén que é agora, tras dous meses intensos nos que asistiu á estrea mundial en Toronto do seu filme O Corno, gañou con el o Festival de Cine de San Sebastián e «acompañouno» en coloquios por distintos, e repletos, cines galegos, cando comeza a ter «as horas de sono prudentes». «Nin tiven tempo aínda de colgar o cartel da película no local da miña produtora, no barrio de Sar», recoñece Jaione Camborda, a directora vasca de 40 anos afincada en Santiago dende hai trece. «Foi unha voráxine, pero estou feliz. Para min foi significativo gañar o premio en Donosti, onde nacín, cun filme en galego e escrito nesta cidade tan inspiradora», sinala, poñendo en valor a diversidade.

«O meu pai é peruano, miña nai é catalá. Cando eu era adolescente, e nun entorno máis convulso en Euskadi, esa cantidade de nacionalidades si que me puideron parecer un quebracabezas, pero ao pouco souben da súa riqueza», expón, sen perder de vista a profesión. «De nena ía a un festival no que miña nai facía un calendario para poder ver tres películas ao día. Eu, acabada de chegar a Santiago, fixen o mesmo en Cineuropa. Cadraba datas para non perder ningún filme e intercambiaba as miñas anotacións con amigos cineastas», rememora sorrindo, admitindo, aínda así, que a súa vocación foi tardía.

«Achegueime ao cine aos 20 anos, mentres estudaba Comunicación Audiovisual, e namorei del nas escolas de Praga e Múnich, onde me formei . Para o traballo fin de carreira escribín un guion, Arima, que é o xermolo, unha vez chego a Galicia, do que sería o meu primeiro filme», destaca, aclarando ese traslado. «Foi por amor aínda que, tras tanto tempo no estranxeiro, precisaba enraizar e esta terra lembroume á miña. Sentinme como na casa», recalca.

«Descubrín un Santiago vivo, nocturno, un pouco gamberro, cheo de xente con inquedanzas e boa tertulia. Pareceume un paraíso, ademais de pola súa beleza, por ter tanta cultura pese ao seu tamaño», encadea. «O casco histórico, onde viviamos moitos dese eido e no que aínda resido, era como unha zona en ebulición, na que nos iamos atopando, tamén en tabernas, que xa desaparecen», lamenta. «Lembro que cando escribín xunto ao director e amigo Alfonso Zarauza o filme Os Fenómenos, despois do traballo e para seguir falando do guion, iamos moito á tasca O Quitapenas, preto da zona monumental», sinala divertida. «É fundamental coidar a vida cultural, lograr, cun turismo sostible, manter un ecosistema para que os veciños sintan a cidade como súa», afirma, apelando a unha autenticidade que ela aínda atopa en Sar.

Jaione Camborda traballa en Sar, sede da súa produtora. «Encántame este barrio, moi activo a nivel veciñal.Sempre que, durante un guion, necesito un pouco de aire para pensar, paseo polas Brañas de Sar, algo que me revive», sostén
Jaione Camborda traballa en Sar, sede da súa produtora. «Encántame este barrio, moi activo a nivel veciñal.Sempre que, durante un guion, necesito un pouco de aire para pensar, paseo polas Brañas de Sar, algo que me revive», sostén PACO RODRÍGUEZ

«Esta zona, onde montei a produtora Esnatu Zinema para poder autoproducir os meus filmes, garda o carácter de barrio. Aquí coñecémonos todos os veciños e vémonos a diario, tamén en bares como A Chantadina. Nestas rúas consérvase tamén unha importante comunidade de creadores que dá calor», realza, apuntando que algún veciño si lle trasladou a súa sorpresa porque o filme vencedor da Concha de Oro se ideara nel. «Nada máis gañalo, proxectamos o filme en Santiago, no festival Curtocircuíto. Ver o auditorio cheo de xente querida, da que recibín un agarimo tan forte... foi espectacular», asegura agradecida, aludindo ao seu poderoso filme O Corno, sobre unha matrona perseguida por practicar abortos na Galicia de 1971, un autoral canto á sororidade e á maternidade.

Aínda que celosa da súa intimidade, revela que ten dous fillos ao influír a súa experiencia en partes cruciais do filme. «Fun nai na terceira versión do guion; iso permitiume reescribir a escena inicial do parto», salienta a directora, a primeira muller en gañar en San Sebastián e cun filme en galego. «Con erros, pero desde o inicio atrevinme coa lingua; saquei en pouco tempo o Celga 1. Iso si, non esquezo a vertixe cando a falei por primeira vez en público en Cineuropa», lembra rindo, mentres reflexiona sobre a importancia dos festivais. «Eses eventos foron un punto de unión para os cineastas galegos. Creouse unha comunidade de creadores que propoñíamos un cinema comprometido», razoa.

Mentres «rumia» o seu seguinte proxecto, amósase contenta. «Emocióname que a xente de Santiago, ao verme xa de aquí, diga que sente o premio como propio», resalta.