A Xunta desenvolve programas de conciliación na Ánxel Casal e no Gaiás
24 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Seres fantásticos, música, arte, maxia... Diversión e lecer para as crianzas desde o eido cultural e, ao mesmo tempo, unha oportunidade de conciliación para as familias durante o verán. A ambas características responde o campamento para a rapazada de entre catro e doce anos que desenvolve a biblioteca pública Ánxel Casal desde xullo e o que o día 29 inicia a Cidade da Cultura, Olladas máxicas no Gaiás, con actividades todas as mañás para nenos e nenas de entre catro e catorce anos. As dúas iniciativas forman parte do Plan Corresponsables que puxo en marcha a Xunta para ofrecer alternativas de conciliación nos equipamentos culturais de xestión autonómica.
«Pensamos que podería se proveitoso para os nosos usuarios facernos cargo dos coidados das súas crianzas. A tendencia das bibliotecas xa non é custodiar simplemente a colección nin xerar actividades, senón ir un pouco máis alá e xerar comunidade. Pensamos que os coidados son parte de calquera definición de comunidade e por iso nos lanzamos a organizar este campamento cultural de verán», explica o director da biblioteca pública Ánxel Casal, Jesús Torres. Houbo catro quendas —unha por quincena— con vinte prazas en cada unha. O horario é de 8.30 a 14.30 horas. «Foi un éxito absoluto porque en moi pouco tempo se cubriron e quedou lista de agarda», engade. A programación, desenvolvida por Xandobela, «está moi ligada aos fins últimos da biblioteca: a promoción da lectura e o fomento da cultura». Cada quenda responde a unha temática. Na actualidade ten de fío condutor as fábulas, e con anterioridade centráronse nos seres fantásticos, na arte e na música.
Torres resalta a boa valoración dos participantes nesta actividade de carácter gratuíto, «está sendo sobresaínte». No caso dalgunha das familias incluso chegaron a participar nas catro quendas. «Para algunhas fomos unha salvación despois de quedar fóra do campamento municipal», afirma. Para participar, era preciso ter o carné da biblioteca ou da rede de bibliotecas. «A maioría dos nenos e nenas de Compostela son socios, pero tamén houbo xente que fixo o carné e tamén nos serviu un pouco de gancho para que coñeceran o noso servizo. Agardamos que a partir de agora sexan fieis e formen parte da programación», explica.
Se as prazas se esgotaron moi rápido na biblioteca Ánxel Casal, o mesmo sucedeu coas da Cidade da Cultura despois de que anunciase a posta en marcha de Olladas máxicas no Gaiás xusto antes do inicio do curso escolar. Neste caso, desenvolverase do 29 de agosto ao 9 de setembro de 10.00 a 15.00 horas. Haberá dúas quendas, na primeira, ata o 2 de setembro, para as crianzas entre catro e oito anos. Na segunda, do 5 ao 9, participará a rapazada de nove a catorce anos. Os participantes poderán gozar con xincanas, obradoiros de creación de xogos e contos, rutas mitolóxicas e un espectáculo de maxia. Ademais, ao tempo que aprenden a investigar obras de arte, cancións e películas, a rapazada poderá descubrir as mulleres que foron e son referentes no campo artístico, deportivo ou científico, entre outros. «A temática principal está centrada na maxia», indica Chío, da empresa Anacos Educativos, encargada de desenvolver as actividades. Así, a rapazada, con actividades adaptadas as diferentes idades, terá a oportunidade de facer xogos de ilusionismo e incluso aprender trucos. Para iso, contarán cun mago que vai impartir un obradoiro. Chío destaca a ilusión que xera na rapazada o achegamento á maxia, fomentando tamén a creatividade.
O Plan Corresponsables que chega aos equipamentos culturais é froito dun convenio de colaboración entre as consellerías de Cultura e a de Promoción de Emprego para ofrecer alternativas de conciliación. No total de Galicia son máis de corenta accións ata decembro.
«Se hai o próximo ano, quero volver»
Nadia, de 7 anos, é usuaria da biblioteca Ánxel Casal desde que era bebé, e este verán participou en tres das catro quendas do campamento. A súa nai, Lara Rozados, non tivo dúbidas á hora de elixir esta opción. «Levabamos moito tempo vindo á biblioteca e parecíame moi bo espazo. Ademais, sei o ben que traballan desde a empresa Xandobela, con actividades segundo unha serie de valores, como o respecto polo medio ambiente, a igualdade..., e, ao mesmo tempo, a cativada se divirte. Iso foi determinante», afirma. Ademais, o inicio coincidiu no momento no que Lara estaba preparando as oposicións, así que Nadia estaba no campamento e ela noutra sala estudando. A experiencia foi positiva. «Se hai un campamento o próximo ano, quero volver», di Nadia, que tamén lle pediu a súa nai participar no programa de conciliación da tarde. Gustoulle todo, pero o que máis, o xogo de cartas «virus».
O servizo terá continuidade ata novembro nas instalacións de Xoán XXIII
A biblioteca pública Ánxel Casal continuará a súa programación de Corresponsables ao longo dos tres vindeiros meses, pero neste caso, será polas tardes, de luns a venres non festivos de 17.30 a 19.30 horas. Se no verán as actividades están dirixidas á rapazada de entre catro e doce anos, en Tardes na biblioteca cínguese a nenos e nenas de entre cinco e nove anos. Ademais, as prazas limítanse a dez xa que durante o verán as propostas tiñan como espazo de referencia o salón de actos, e agora será sala infantil.
A idea desta nova convocatoria ten tamén por obxectivo «explorar as potencialidades das artes, da lectura, a través de actividades lúdicas ou creativas», resalta o director da biblioteca, engadindo que «será unha programación moi divertida, cada día da semana terán unha actividade diferente». Deste xeito, a rapazada converterase o luns en xornalistas para facer o xornal da biblioteca, con entrevistas e recomendacións. Os martes achegaranse a distintos xeitos de contar historias, construíndo obxectos e materiais para narrar os contos favoritos. Os mércores serán tempos das artes e da creatividade. Os xoves chegarán os contos e os venres haberá xogos.
Para participar en Tardes na biblioteca haberá que inscribirse presencialmente no mostrador de información da biblioteca ou chamando ao 881 999 401. As persoas interesadas poden facelo só na semana en curso. O prazo de reserva abrirase cada luns a partir das 8.30 horas. «Por exemplo, como empezamos o 1 de setembro, esa semana, a partir do luns 29, poderían anotarse para os días desa semana que o desexen. Se houbese prazas libres que non se reservasen, a xente que precise deixar as súas crianzas, farémonos cargo delas», afirmou Jesús Torres. As prazas serán outorgadas por estrita orde de chegada.