A nova montaxe do CDG, «A peste», estará oito semanas no Salón Teatro de Santiago

La Voz

SANTIAGO

Cedida

As entradas para ver o espectáculo entre o 20 de xaneiro e o 13 de marzo acábanse de poñer á venda

08 ene 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

A nova montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), «A peste», que está inspirada na obra de Albert Camus, poderá verse durante oito semanas no Salón Teatro, entre o 20 de xaneiro e o 13 de marzo. Trátase da estadía máis ampla durante os últimos na sede da compañía teatral pública galega xa que non vai xirar por outros puntos. As entradas para poder asistir as preto de corenta funcións de mércores a domingo —agás a primeira semana— puxéronse recentemente á venda a través de Ataquilla.com.

«A peste» conta con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó, que explicaba que o seu obxectivo foi que quedase unha peza na que a xente recoñecese desde o teatro a Camus e a súa obra. En un principio, serán máis de dúas horas de espectáculo teatral «no que a palabra e o texto van estar en primeira liña». O dramaturgo e director resaltaba que buscou unha «peza amena e na que o público o pase ben». No espectáculo fálase metaforicamente das grandes pragas causadas polo ser humano, como guerras, cambio climático ou as crises migratorias.

O elenco artístico desta primeira estrea do Centro Dramático Galego no 2022 está formado por Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante.